A construcción dun completo parque canino xunto á Ponte Romana, dotado cun circuito de adestramentos, rede de camiños e tódolos servicios precisos para os animais, é un dos acordos máis importantes dos adoptados pola Xunta de Goberno do Concello de Ourense na súa reunión semanal adiantada a este mércores. Asemade, a Xunta de Goberno Local adxudicou a instalación da liña de acceso a Internet que dará cobertura ó proxecto Ourense Wifi, que dotará a unha vintena de espazos públicos na cidade e nos núcleos do rural de acceso á rede. Convócanse tamén 6 novas plazas de policías locais da cidade.
 
 
Ourense contará cun parque canino que o Concello pretende que sexa do máis completo
24 de DICIEMBRE de 2009: OURENSE DIXITAL
   

Os donos de cans da cidade de Ourense disporán dun completo parque canino onde poder levar ós seus animais na Avenida da Ribeira Sacra, entre a Ponte Romana e os xardíns do Colexio  Salesianos. A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense adxudicou na súa xuntanza desta semana adiantada a este mércores, as obras de remodelación deste entorno, unha zona verde que tradicionalmente xa viñan utilizando os donos de cans para pasear ós seus animais, ainda que non reunía as condicións máis axeitadas para este uso.
“O proxecto elaborado pola Concellería de Medio Ambiente converterá este espacio nun completo parque canino, dotado con tódolos elementos precisos para o desfrute dos cans”, sinala o Concello de Ourense.

As obras suporán un investimento de 33.700 euros e serán realizadas pola empresa COTEC, S.A. O proxecto foi elaborado polo Concello tendo en conta as condicións fixadas por Patrimonio, dada a proximidade á Ponte Romana.
Comprende a instalación de valado perimetral, que contará con varios puntos de acceso, a creación dunha rede de camiños para os usuarios e un circuito de adestramento de cans, que contará con tódolos elementos precisos para a actividade física dos animais.
Baixo o arco pequeno da Ponte habilitarase unha zona de refuxio pensada para ser utilizada en caso de chuvia. O espacio complétase cunha zona de bebedeiro e os servicios específicos para a recollida de residuos.

Liña para Ourense Wifi e outros acordos

A Xunta Local acordou tamén adxudicar provisionalmente os traballos de instalación, provisión de equipamento, posta en funcionamento e mantemento dun enlace e servicio de acceso a Internet, para a infraestructura de rede radioeléctrica de banda ancha para acceso a Internet do Concello de Ourense, a Telefónica de España SAU, por un importe total de 49.944,96 euros.
Trátase da liña de saída de acceso a Internet que dará cobertura ó proxecto Ourense Wifi, para dotar a unha vintena de espazos públicos na cidade e nos núcleos do rural de acceso á rede.

Asemade, a Xunta de Goberno Local aprobouse tamén a aportación do Concello á Confederación Hidrográfica Miño-Sil dunha partida de 485.926,89 euros, que é a cuota de participación do Concello no financiamento das obras de mellora da rede de saneamento das dúas marxes do río Miño ó seu paso pola cidade.
O convenio asinado no seu día establecía que ao Concello corresponde achegar o 30% do investimento total dos traballos, achegando a Confederación o 70% restante.

Nesta mesma sesión, aprobáronse as bases para o proceso selectivo para a cobertura de 6 prazas de Policía Local correspondentes á oferta de emprego público do Concello para o ano 2009, e adxudicouse definitivamente o contrato de subministro dun vehículo lixeiro para a loita contra o lume en edificacións do Casco Vello, á empresa BULL Fuego, S.L., por un prezo total de 69.000 euros, impostos incluidos.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página