Galiciaconfidencial anuncia unha nova a etapa. A que se convertíu na web de referencia sobre primicias da actualidade política galega, comeza este martes unha nova etapa na que O confidencial dá un paso cara á profesionalización e convértese nun diario dixital.
O novo deseño inclúe unha numerosa e plural nómina de colaboradores de opinión, segundo informan os responsables do propio xornal. Mar Barcón (PSdeG), Manuel Ruiz Rivas (PPdeG), Xesús Veiga (BNG), Fernando Blanco (BNG) Serafín Martínez (ciclista), Manel Pardo (xornalista) ou Manuel Barreiro (xornalista) son algúns dos persoeiros que contribuen con artigos aínda que na nova etapa tamén participarán outros políticos como José Manuel Lage, Ivan Puentes, José Manuel Baltar, Antonio Rodríguez Miranda, Carlos Aymerich ou Teresa Táboas entre outros.
Anúnciase tamén novidades tecnolóxicas dentro da prensa dixital galega.
Así, Galicia Confidencial será o primeiro diario en liña do país que se poderá actualizar a través do móbil, o que contribuirá a consolidalo como o sitio ao que acudir para coñecer antes as claves do futuro político do país.
Outra das apostas é a información local.
Así, tras chegar a un acordo de intercambio de contidos con varias ducias de webs, Galicia Confidencial ofrecerá información polo miúdo de até doce comarcas. Trátase de contidos aportados por xornalistas locais e blogueiros de todo o país, que coñecen mellor que ninguén o funcionamento cotiá dos concellos e outras institucións locais.
A nivel autonómico, o portal seguirá como referencia da información política con seccións especiais adicadas tanto aos tres partidos con presenza no parlamento como as formacións con menos cargos electos.
Como novidade, o deseño incluirá un espazo propio no que aparecerán contidos xerados polos seguidores do confidencial nestas redes sociais. Ademais, o equipo técnico de Galiciaconfidencial.com xa traballa nun sistema para que sexan os lectores os que decidan que temas se abordan neste diario.
Nestes tempos de penurias e precariedade laboral no xornalismo galego e de todo o Estado, a nova da rexeración de Galiciaconfidencial non pode senón acollerse máis que como unha excelente noticia, e desexarlle dende Ourense Dixital longa vida aos compañeiros que o levan feito e o farán posible, e que sempre creron, coma nós, que o xornalismo dixital é e será posible. |
|