A Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo desenvolveron esta pasada fin de semana en Buenos Aires o “Primeiro programa de entrenamento para mozos líderes da emigración”. Tratouse dun curso que buscou “fomentar e formar en habilidades directivas da máxima calidade á mocidade galega do exterior, para que as comunidades poidan contar con mozos preparados en liderado e negociación”, segundo o departamento que dirixe Santiago Camba.
O encontro foi pensado para achegar novas ideas e coñecementos co gallo de crear unha cultura innovadora que introduza o xermolo de cambio nas entidades e centros galegos.
O programa estructurouse en clases presenciais e obradoiros de reforzo a distancia. En primeiro lugar celebráronse tres xornadas de sete horas de duración entre o 27 e o 29 de novembro na capital arxentina, nas que se incluíu unha xornada de entrenamento ao aire libre, e con dúas sesións máis (a desenvolverse o 4 e o 18 de decembro) para asimilar de xeito práctico os conceptos teóricos adquiridos. Finalmente, están previstos dous obradoiros de reforzo a distancia a través da plataforma Galicia Aberta.
O Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro, foi o encargado de dar a benvida a esta actividade formativa ao grupo de participantes oriundos de Arxentina e Uruguai.
Na súa intervención, López Dobarro explicou que a vontade da Administración galega é “estar preto da emigración, en contacto permanente e contribuíndo para a súa revitalización e posta en valor”. Neste sentido, engadiu que Galicia “ten un importante capital en todo o mundo” pero “especialmente nesta zona do Río da Plata”.
Así mesmo, segundo explicou o encargado do curso, Daniel Álvarez, a vontade da Secretaría Xeral de Emigración é realizar esta experiencia como proba piloto en Buenos Aires e tentar replicala noutros países nos que a presenza de emigración galega sexa tamén importante.
Asesoramento para o retorno de galegos residentes en Francia
Por outra banda, o subdirector xeral da Inmigración e Retorno, Antonio Aguarón, impartiu durante esta fin de semana charlas formativas de información e asesoramento ao retorno nos centros galegos colaboradores de París.
O contido destas accións, segundo informa Emigración da Xunta, “enmárcase no Servizo de información itinerante que resposta ás políticas que ten previsto desenvolver a Secretaría Xeral da Emigración nesta materia, coa finalidade última de todos aqueles que desexen voltar poidan exercer os seus dereitos coa mesma amplitude que os galegos que viven na Comunidade Autónoma”.
Nestas xornadas dase información xeral e individual sobre os trámites previos e posteriores ao retorno a Galicia, baixa consular, pasaporte, empadroamento, certificado de emigrante retornado, permisos de conducir, así coma asesoramento específico acerca da asistencia sanitaria, prestacións por desemprego, pensións de xubilación, educación e vivenda ou axudas específicas ao retorno.
Segundo datos do CERA, Censo de Residentes Ausentes, de primeiro do pasado mes de outubro, en Francia residen na actualidade algo máis de 19.000 galegos. |
|