A cidade de Ourense será a anfitriona do IX Encontro de Vilas Termais de España que se celebrará o vindeiro ano 2010. A candidatura resultou elixida co respaldo de todos os concellos galegos representados durante a Asamblea da Sección de Villas Termais da FEMP celebrada este sábado pasado na vila granadina de Lanjarón. Ourense, cuxa representación e defensa correu da man do Tenente Alcalde, Andrés García Mata, foi vencedora con 21 votos dos 34 exercidos.
 
 
Ourense acollerá o ano que ven o IX Encontro de Vilas Termais de España
5 de OCTUBRE de 2009: OURENSE DIXITAL
   

A Asamblea da Sección de Vilas Termais da FEMP, celebrada no seo do VIII Encontro de Vilas Termais celebrado este fin de semana en Lanjarón, Andalucía, saldouse coa resolución de nomear a Ourense como anfitriona do IX Encontro previsto para o ano 2010. “A decisión supón un recoñecemento definitivo do potencial termal de Ourense e ven refrendar o seu título de Capital Termal”, sinala a Tenencia de alcaldía do Concello ourensán. 

A candidatura ourensá foi defendida, precisamente, polo Tenente de alcalde, Andrés García Mata, quen no seu descurso lembrou que “Ourense, cos seus cinco millóns de litros diarios, é a segunda capital en potencial termal de Europa, só por detrás de Budapest”. Loubou García Mata a riqueza patrimonial, artística, gastrónomica e natural que completan a oferta termal da vila e lembrou aos asistentes  a decisión do Parlamento Galego de nomear a Ourense Capital Termal da Galiza en maio de 2007. Apuntou así mesmo, a positiva coincidencia do futuro encontro coa celebración do Ano Xacobeo, un dos acontecementos turísticos máis importantes do mundo.

A Sección de Municipios con Augas Minerais e Termais constituíuse no ano 2001, no seo da Federación Española de Municipios e Provincias, co obxectivo de impulsar o rol dos concellos na planificación e aproveitamento integral dos seus recursos hidrominerais, e dispor dunha plataforma estábel de cooperación.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página