O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolle desde este xoves unha magna exposición do escultor Buciños. Titulada “Esculturas que falan”, son 43 obras en bronce, pedra, pedra e bronce, e madeira que condensan nada menos que máis de 30 anos de trabalo deste escultor ourensán. A Deputación de Ourense quixo corresponder co artista e co evento, publicando un coidadísimo catálogo no que o fotógrafo Mani Moretón se ocupa de reflectir a obra de Buciños e o escritor José María Pérez Álvarez, “Chesi”, aporta un relato inspirado na obra de Buciños. A exposición vaise manter no Edificio Simeón da Deputación todo este mes de outubro, aberta ao público tódolos días da semana.
 
 
Buciños ofrece o mellor de 30 anos de traballo na exposición “Esculturas que falan”
1 de OCTUBRE de 2009: OURENSE DIXITAL
   

43 obras en bronce, pedra, pedra e bronce e madeira, de pequeno e gran formato, conforman a maior colección de Buciños que se expón dende este xoves no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Esta exposición recolle máis de trinta anos de traballo do escultor ourensán na procura do seu obxectivo vital como artista, conseguir que as esculturas “falen”.
A exposición permanecerá aberta durante todo este mes de outubro tódolos días da semana.

Este mércores, no prolegómeno da inauguración, presentouse na Deputación de Ourense o catálogo da exposición, editado pola institución provincial. Trátase dunha coidada publicación que, ademais de recoller en elegantes fotografías de Mani Moretón a totalidade da obra pública de Buciños, tamén conta coa colaboración literaria do escritor José María Pérez “Chesi”, a través dun relato inspirado na obra de Buciños.
Escultura, fotografía e literatura irmánanse para crear un elegante catálogo do que é ben merecedor Manuel Buciños.

O artista dixo que sempre lle resulta difícil ter que explicar a súa obra. “Prefiro que sexa ela quen fale, e cando non o consigo disgóstome moito, porque penso que se lle quitamos o sentimento ao arte non lle queda nada”. Preguntado pola súa escultura preferida, Buciños non se decanta por ningunha en concreto, ainda puntualiza que as maternidades “se están ven conseguidas” expresan case todo o que el entende por arte: “Teñen sentimento, amor, protección, envían mensaxes..., e falan”.

Pola súa banda, o director do Centro Cultural da Deputación de Ourense, Francisco González, cualificou a Buciños coma un dos “nosos grandes escultores”, e agradeceulle en nome de todos os amantes do arte “que todos poidamos disfrutar desta magnífica exposición”.
Asemade, Francisco González referiuse ao catálogo afirmando que se trata dun laborioso traballo que recolle por primeira toda a obra pública de Buciños, e agradece á Xunta de Galicia e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a súa colaboración na edición da obra.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página