Seixalbo acolle este sábado o evento cultural UNI-DIVERSIDADE que, organizado polo Concello de Ourense, tenta potenciar a multiculturalidade e a convivencia destas diferentes culturas no seo da nosa sociedade. Aprovéitase o feito de que estes días estén na nosa cidade nenos senegaleses e saharauis, que serán partícipes activos dun programa de actos que comeza ás sete da tarde. Segundo os organizadores, “esta actividade pretende potenciar a convivencia cultural e o respecto mutuo”.
 
 
Seixalbo acolle unha festa da multiculturalidade este sábado, a UNI-DIVERSIDADE  
8 de AGOSTO de 2009: OURENSE DIXITAL

O Concello de Ourense patrocina, a través das Concellerías de Benestar Social e Cultura, o evento cultural UNI-DIVERSIDADE que se celebra este sábado, 8 de agosto, en Seixalbo e que suporá o encontro de culturas e relixións, coa participación de cidadáns galegos, senegaleses, rusos e saharauis. O obxectivo do evento, sinala o Concello ourensán, “é potenciar a multiculturalidade e a convivencia destas diferentes culturas no seo da nosa sociedade”.

A celebración destas actividades coincide coa estancia en Ourense dun grupo de nenos senegaleses e saharauis que serán partícipes activos dun programa de actividades que dará comezo ás 19 horas cun partido de fútbol no Campo da Infesta de Seixalbo e cunha serie de xogos tradicionais na Praza do Cabildo.
Está programada tamén para as 20.30 horas unha degustación gastronómica dos distintos países representados, na mesma Praza do Cabildo.
A continuación, no mesmo emprazamento celebrarase a partir das 21.30 horas un festival solidario que inclúe a narración de contos populares no idioma orixinal (traducidos simultaneamente a través dunha pantalla) e actuacións musicais diversas.

Os veciños e organizadores do evento agardan “un gran apoio popular e a presenza dun gran número de representantes das comunidades participantes”.
En palabras dun dos organizadores, “esta actividade pretende potenciar a convivencia cultural e o respecto mutuo”.
As asociacións que se involucran activamente neste evento son a Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo, Asociación Cultural Agromadas de Seixalbo, Asociación Irmandiños de Seixalbo, Asociación Intergaliza, Asociación AISO, Inmigrantes Senegaleses de Ourense, Asociación Afrolatina Asala e Asociación Xitana Chanela.

Volver atras
Imprimir Página