Un total de once asociacións, colectivos e entidades culturais de Ourense siguen a organizar obradoiros, exposicións e espectáculos musicais para este mes de agosto en toda a provincia e tamén na cidade. Dende o mes de xuño está en marcha o programa Actíva-te no verao, co que se prentede cubrir a demanda de ocio dos ourensáns dende un punto de vista non mercantilista. Estas actividades contan co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, que se fai eco das mesmas.
 
 
O programa Actíva-te no verao mantén a actividade tamén neste mes de agosto
Fotografía : JOSÉ CERDEIRA 
3 de AGOSTO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

A concellería de Cultura do Concello de Ourense informa das actividades previstas para este mes de agosto por parte do Movemento Social Ourensán.
Este colectivo, que agupa a un total de once asociacións e entidades culturais, puxo en marcha dende o pasado mes de xuño o programa Actíva-te no verao co que pretende cubrir a demanda de ocio dos ourensáns dende un punto de vista non mercantilista, afastado do consumo como única forma de entremento, sinala o departamento da nacionalista Isabel Pérez.

En concreto, a oferta cultural do mes de agosto céntrase nas seguintes actividades:

-Durante todo o mes, terá lugar unha exposición titulada “Retratos de sustentabilidade” no centro de Aspanas (Avenida de Portugal, 93) e outra na Casa da Xuventude, que leva o nome de “Os bancos pasan factura”.

-Os días 11 e 12 de agosto, na praza da Madalena de 22:00 a 24:00 horas  realizarase un obradoiro de malabares e percusión con pelotas, aros, mazas, etc.

-No Castro de San Cibrao de Las (O Carballiño) celebrarase  a noite do 13 un visionado de estrelas (das perseidas) ás 21:00 horas.

-Os días 13 e 27 a asociación Sem Um Cam organiza na  súa “Cousateca” (iniciativa para o préstamo das cousas) un obradoiro de costura e reciclaxe, ás 20:00 horas na rúa do Vilar, 9.

-As piscinas de Oira acollen os días 15 e 22 ás 18:30 horas dous obradoiros de reciclaxe para nenos. En concreto, o día 15 estará dedicado á construcción de bonsais e o día 22 de marionetas.

-Os días 18, 19 e 20 na praza de San Marcial de 21:00 a 23:00 horas terá lugar a captura colectiva de vídeo e audio con software libre. Os interesados deben inscribirse en activatenoverao@saramaganta.info, e levar a súa cámara o día da actividade.

-Un cantautor cómico actuará o día 24 na praza de San Marcial ás 22:00 horas. Ademais, o público asistente poderá participar na función.

-A música na rúa celebrará tres espectáculos os días 25, 26  e 27 na praza da Imprenta de 22:00 a 24:00 horas. O primeiro deles denomínase “Animais domésticos”, o segundo “Ergom” e o terceiro “Marea negra”.

-O colectivo Masa Crítica presentará o día 27 no parque de San Lázaro ás 20:00 horas a “Bicifestación Flash Mob”.

-Por último, o día 28 na praza de San Marcial ás 20:00 horas terá lugar un obradoiro de graffiti.

As asociacións promotoras deste proxecto de ocio cultural son Rede galega anticapitalista (Ra!), aMaRantE, Cineclube Padre Feijoó, Semente, A Esmorga, Casa da Xuventude de Ourense, Verdegaia, Amigos da Terra, Anacos da cidade, Lerchas, Sem Um Cam e a Comisión de Denuncia de Galiza.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página