O Xacobeo do 2010 comeza a sacar cores políticas. Este martes, a deputada autonómica, Tereixa Paz, e o tenente de alcalde de Ourense, García Mata, presentaron unha acción do BNG no Parlamento de Galicia na defensa da rehabilitación do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense. Xa o 16 de xullo pasado os deputados nacionalistas instaban ao presidente da Xunta non só a asumir os compromisos adquiridos, senón tamén a comezar as obras “de xeito inmediato” de cara a que estén rematadas para o futuro Ano Xacobeo, o 2010. Os nacionalistas sinalan que se volve as vellas prácticas de premiar ou castigar aos gobernos en función da cor política das súas corporacións.
 
 
O BNG reclama a rehabilitación do Pórtico do Paraíso da Catedral de cara ao Xacobeo 2010
29 de JULIO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

A deputada autonómica, Tereixa Paz, e o tenente de alcalde de Ourense, Andrés García Mata, presentaron este martes unha pregunta que, a través dunha proposición non de lei, vai introducir no debate do Parlamento de Galicia a defensa da rehabilitación do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense de cara ao ano 2010, celebración do Xacobeo.
Neste sentido, García Mata explicou que “con esta actuación trátase de dar continuidade e vigor institucional a unha preocupación  que o BNG ourensán  xa deixou patente no pleno do pasado 6 de xullo”, recordando que xa foi entonces cando introducia unha moción (aprobada co voto en contra do PP)  requerindo ao presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, que aclarase o estado no que se atopaban os cartos comprometidos polo anterior Xerente do Xacobeo, Ignacio Iguíbar  en declaracións públicas.

Para Mata trátase “dunha defensa fundamental para a cidade” xa que, tal e como indica o texto presentado este martes “o Xacobeo  debe celebrarse en todo o territorio e non só en Santiago de Compostela e na súa Catedral”.

As últimas declaracións realizadas desde a Sociedade de Xestión do Xacobeo anunciaban que as axudas comprometidas  no seu momento, 350.000 euros dos que 250.000 destinaríanse de xeito exclusivo á rehabilitación do Pórtico, atópanse “nunha fase de avaliación técnica e viabilidade económica”.

Recorda así mesmo o BNG, que nesta situación, e dando continuidade a proposta realizada desde o Grupo Municipal do BNG, o grupo parlamentar que dirixe Carlos Aymerich presentaba o pasado 16 de xullo á mesa do Parlamento a proposición non de lei dada a coñecer este martes.
O texto, asinado polas deputadas Tereixa Paz, Carme Adán e o deputado Alfredo Suarez Canal,  insta ao presidente da Xunta non só a asumir os compromisos adquiridos senón tamén a comezar as obras “de xeito inmediato” de cara a que estén rematadas para o futuro Ano Xacobeo.
Os nacionalistas califican de “inadmisíbel” a situación, e acusan a Feijóo de “volver ás xa coñecidas prácticas do PP no goberno, utilizando os recursos públicos de todas as galegas e Galegos para premiar ou castigar a gobernos municipais en función da cor política das súas corporacións”.

 
Volver atras
Imprimir Página