Como continuación do proxecto iniciado no ano 2005, presentouse esta pasada fin de semana no Museo da Limia o libro-disco “Os sons da Limia, Música tradicional” na que, baixo a coordinación do Concello de Vilar de Santos e o Museo da Limia, colaboraron distintas institucións de ámbito galego. O alcalde de Vilar de Santos anunciou a continuidade da aposta deste Concello por este tipo de iniciativas relacionadas co fomento e promoción da nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa lingua.
 
 
O Museo da Limia acolleu a presentación do libro-disco, “Os sons da Limia, Música Tradicional”
15 de JUNIO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

Coa presencia de máis dun cento de persoas entre as que estaban numerosos músicos referenciados na obra así como familiares e autoridades, tivo lugar esta pasada fin de semana a presentación de “Os sons da Limia, Música tradicional”. Un traballo no eido da recuperación das músicas da zona que sigue o proxecto comezado no ano 2005 e que, segundo referíu o alcalde de Vilar de Santos, terá continuidade.
No trascurso do acto os músicos convidados agasallaron aos presentes cunha demostración ao vivo do seu bo facer.

O Alcalde de Vilar de Santos fixo referencia a que esta publicación “contribúe a poñer en valor a cultura tradicional de moitos veciños e veciñas da Limia que son transmisores do noso patrimonio cultural inmaterial”.
A criterio do rexidor municipal, o nacinalista Xoán Xosé Jardón, esta nova publicación “significa un paso máis e unha aposta clara pola recuperación, conservación e potenciación da nosa identidade cultural e o noso patrimonio e as tradicións da comarca da Limia”.
Tamén resaltou a importancia de recoller a información para crear un corpus escrito e documental.

Pola súa banda, o representante da editorial Difusora de Letras Artes e Ideas fixo especial fincapé ao importante número de traballos derivados dun primeiro catálogo do ano 2005. Por sinalar algúns, catro especiais de “Alalá” (TVG), dous programas de “Lume na Palleira” (Radio Galega) así como o premio “Recuncho da Palleta” do ano 2005 ao Museo da Limia.Ademais, un dos autores do traballo, Cástor Castro, destacou a dificultade da escolma dos materiais que aparecen na publicación entre os que se achan distintos ritmos musicais, romances ou cantos de cego, polo abundante número de gravacións dispoñibles na actualidade.

O Vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, sinalou a importancia da relación entre universidade e sociedade, que se materializa a través de numerosos convenios con empresas e institucións e traballos como o que hoxe se presentou. Tamén fixo referencia á necesidade de dispor de traballos que valoricen a lingua e cultura galega.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página