A proposta da Deputación de Ourense, o xurado decidiu por unanimidade o gañador do “Premio Ramón Otero Pedrayo 2009”: Marcos Valcárcel López. Desde xeito, tenta recoñecerse o labor de investigación e difusión cultural deste ourensán ao que se considera “punto de referencia do presente e o futuro da cultura galega”. En opinión do xurado este galardón outórgase “a unha vida dedicada á cultura e ao coñecemento ao que se une un talante aberto, dialogante, galeguista e, en definitiva, universal, que posúen a súa obra e a súa persoa”.
 
 
Marcos Valcárcel, premio “Otero Pedrayo 2009” a proposta de Deputación de Ourense e por unamidade
21 de MAYO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

O xurado, que este mércores dictaminou por unanimidade a concesión do premio a Marcos Valcárcel, reuniuse no Centro Cultural da Deputación de Ourense, e estivo formado por representantes da Xunta de Galicia, das catro deputacións galegas, as universidades de Vigo, Santiago e A Coruña e a Real Academia Galega da Lingua.

A decisión recolleu a proposta realizada polo presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, que defendeu a candidatura de Marcos Valcárcel. Na decisión do xurado tívose en conta a longa traxectoria de Marcos Valcárcel como investigador, erudito e divulgador, ás que se unen outras disciplinas como dinamizador cultural, xornalista de opinión, ensinante e conferenciante.
En opinión do xurado este galardón

outórgase “a unha vida dedicada á cultura e ao coñecemento ao que se une un talante aberto, dialogante, galeguista e, en definitiva, universal, que posúen a súa obra e a súa persoa”.

Membro correspondente da RAG, xornalista e autor de dez libros

Marcos Valcárcel (Ourense, 1958) é doutor en Xeografía e Historia e catedrático de Lingua e Literatura Galegas. Nos seus traballos de investigación dedicou maior atención á historia cultural e literaria, así como a historia política dos anos 1900-1936 e ao estudo do galeguismo e de temas relacionados cos medios de comunicación galegos e coa obra de escritores ourensáns.
Membro correspondente da Real Academia Galega, forma parte ademais do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares e da Fundación Curros Enríquez, sendo igualmente secretario do Centro de Estudios Carlos Casares en Ourense e director da sección de Literatura do Liceo de Ourense. Pertence ao PEN Clube de Galicia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Marcos Valcárcel ten publicados 10 libros de ensaio, investigación e alta divulgación; outros 12 libros, publicados en coautoría con outros autores; foi coordinador de 7 libros cos que dinamizou o traballo doutros autores en obras colectivas, e publicou ducias de traballos e artigos propios espallados nos máis diversos congresos e revistas especializadas.
Moi salientable é a súa labor a prol de rescatar do esquecemento textos e a estudar a autores como Basilio Álvarez, Xabier Prado “Lameiro”, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Carlos Casares ou Antón Tovar.

Dende fai 30 anos, Marcos Valcárcel leva desempeñando un intenso labor xornalístico, especialmente no campo da opinión e a cultura. O resultado son máis de 3.000 artigos publicados en diversos medios, o que o converten nun dos máis prolíficos impulsores do xornalismo escrito en galego da historia de Galicia. Así mesmo, en marzo de 2006 botou a andar un dos blogs de máis prestixio do país “asuvasnasolaina”, cuxa capacidade de convocatoria fan del un dos lugares da Internet máis activos de Galicia.

 
Volver atras
Imprimir Página