Alfonso Vázquez Monxardín e Juan Andrés Hervella recolleron este xoves os premios de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” nun acto que se celebrou este xoves no Pazo Provincial, sede da Deputación de Ourense. O presidente da institución que no seu día instituíu este premio, José Lis Baltar, subliñou o ourensanismo de Carracedo e dos premios como nexo común, e animou a todos a “converter esta ourensanía nun compromiso vital, pensando sempre en clave de Ourense”. Os premios están dotados con 5.000 euros o primeiro e 3.000 o segundo.
 
 
Vázquez Monxardín e Juan Andrés Hervella recolleron este xoves os Premios “Carracedo” de Xornalismo
15 de MAYO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

O salón de plenos da Deputación provincial de Ourense acolleu este xoves o acto de entrega dos premios de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, que nesta edición recaeron no profesor Alfonso Vázquez Monxardín, por unha colección de artigos publicados no xornal La Región durante o ano 2008, e Juan Andrés Hervella, xefe da oficina de Turismo do Concello de Ourense, por unha serie de microespazos emitidos na cadena radiofónica COPE.
O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, José Luis Valladares, sendo os vocais Felipe Ferreiro, Mariluz Villar, Luz López Crespo e Xosé Lois González. A dotación do premio, promovido pola Deputación de Ourense, é de 8.000 euros, repartidos en 5.000 euros para o gañador e 3.000 euros para o segundo premio.

No acto de entrega do premio, o presidente da Deputación provincial, José Luis Baltar, felicitou aos premiados e dixo que os seus traballos “serven para concienciarnos e chamar a atención sobre asuntos que moitas veces non son noticia pero son especialmente importantes para conformar a nosa identidade”.
José Luis Baltar afirmou que “o concepto de ourensanía, a implicación coa nosa cidade e a nosa provincia, coas cousas que nos son propias”, supoñen un nexo entre o homenaxeado, o desaparecido periodista ourensán Xosé Aurelio Carracedo, e os premiados, e convidou a “converter esta ourensanía nun compromiso vital, pensando sempre en clave de Ourense”.

Na súa resolución o xurado valorou positivamente a variedade dos artigos presentados ao certame por Alfonso Vázquez Monxardín, a súa calidade léxica, o ton desenfadado que o autor da aos mesmos, o elevado nivel cultural dos comentarios e a súa conciencia crítica e provocadora nalgunhas ocasións.
En canto a Juan Andrés Hervella o premio foille concedido pola serie de microespazos emitidos na COPE sobre lendas galegas relatadas e dramatizadas polo propio autor. O xurado tivo en conta a importancia de recuperar un elemento do patrimonio inmaterial galego como son as lendas, e a calidade xornalística coa que as tratou o autor.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página