De cara a conmemorar a data do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello de Maceda, a través da Concellería de Servizos Sociais na que se inscribe a área de Educación, proponlle aos centros de ensino da vila unha serie de actividades. Comezarán o vindeiro 15 de maio e rematarán o 15 de xuño, e constan sobre todo de teatro e contacontos.
 
 
O Concello de Maceda propón aos centros de ensino teatro e contacontos para celebrar o 17 de Maio  
11 de MAIO de 2009: OURENSE DIXITAL

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Maceda, na que se inscribe a área de Educación,  por segundo ano consecutivo proponlle aos centros de ensino da vila unha serie de actividades co fin de conmemorar o Día das Letras Galegas. Estes actos organizados coa finalidade de fomentar, desde unha proposta artística como é a representación teatral, o gusto pola lingua e a literatura galega entre o alumnado, comezarán o vindeiro día 15 deste mes e rematarán o 15 de xuño, segundo o programa de actividades deseñado polo departamento da concelleira Ana María Rodríguez.

A primeira das actividades irá dirixida ao alumnado de Educación Infantil e de Primaria.
Os primeiros gozarán do Contacontos As follas do libro de Esther Movilla; pola súa banda os alumnos de primaria deleitaranse co O libro de Maceda.  As representacións realizaranse na Biblioteca Municipal, en horario de 10h a 13h para varios grupos. O día 15 de maio o pase irá dirixido ao alumnado do Colexio Virxe Milagrosa e o día 22 de tocaralle a quenda ao C.E.I.P. de Maceda.
Xa o día 15 de xuño Caramuxo Teatro, presentará a obra Lazarillo, unha adaptación do Lazarillo de Tormes, personificada por tres actores en clave de comedia. A representación farase no Salón de Actos, Sala Rosalía de Castro do I.E.S. San Mamede, ás 16h.

Segundo a concelleira Ana María Rodríguez, este tipo de propostas “pretenden salientar o Día da nosa lingua dende a expresión literaria representada en directo, como actividade lúdica e complementaria ás actividades lectivas, amosando deste xeito o noso compromiso de apoio ó seu uso”

Volver atras
Imprimir Página