Home  
 
 
 
 
A partir deste venres, 20 de marzo, e ata o vindeiro domingo, o Concello de Ourense está presente na X Mostra de Diversidade Cultural de Terrasa, como representante da Comunidade Autónoma galega. O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez e a concelleira de Cultura, Isabel Pérez asisten como representantes da corporación municipal durante os tres días da Mostra. O stand do Concello de Ourense tenta ser "un escaparate da nosa cultura e tradicións", sinala o Concello desta cidade.
 
 
Fotografía : JOSÉ CERDEIRA 
 
Isabel Pérez / Francisco Rodríguez
Desde este venres Ourense representa a Galicia na X Mostra de Diversidade Cultural de Terrasa
20 MARZO de 2009: OURENSE DIXITAL

Ourense acude este ano á X Mostra de Diversidade Cultural que se celebra na cidade catalana de Terrasa. Nesta ocasión, Ourense representa a Comunidade galega. No stand do Concello, están expostas desde este venres ata o vindeiro domingo, diversas esculturas de catro artistas ourensáns, traxes rexionais en representación da nosa tradición e folclore, material típico do Entroido ou a maqueta do Auditorio, como exemplo dun edificio moderno da cidade.

Trala presencia de máis de 75.000 asistentes na última edición, a Mostra deste ano incluirá, xunto ao stand do Concello de Ourense, a representación de poblacións da xeografía española de puntos tan diversos como Zafra (Extremadura), Alhama de Murcia (Murcia), Arcos de la Fontera (Andalucía) ou Almadén (Castilla la Mancha), aos que hai que engadir stands de Marruecos, Senegal e Latinoamérica.

Na presentación da visita o pasado martes, o alcalde agradeceu aos organizadores da Mostra a "oportunidade única" que supón para a nosa cidade a participación nesta Mostra, xa que "para nós é un excelente escaparate para manifestar e dar a coñecer a nosa magnífica diversidade cultural", sinalou Francisco Rodríguez. Ademais, subliñou a honra que supón representar a nosa Comunidade Autónoma, e manifestou o seu desexo de "atraer visitantes ás nosas terras para coñecelas en primeira persoa".
Pola súa banda, a concelleira de Cultura Isabel Pérez, declarou na presentación que o obxectivo da Mostra é "aproximar o noso entorno ós ourensáns e resto de galegos que habitan en terras catalanas".

Encontro coa Asociación Comerciante Textil

Paralelamente á Mostra, e no propio Municipio de Terrasa, o Director Xeral de Emprego e Promoción Económica, José Ángel Vázquez Barquero mantivo este mércores un encontro coa Asociación Comerciante Textil, na que o Concello entrou a formar parte recentemente, e onde se trataron novos proxectos da Asociación e se programou unha Asamblea Xeral en Macerata (Italia) á que o Concello de Ourense tamén asistirá.

Volver atras
Imprimir Página