Home  
 
 
 
 
  O Concello de Ourense adiantou ao mércores a reunión ordinaria do xoves da Xunta de Goberno Local, que adoptou acordos relacionados con obras e proxectos para a cidade. Así, o Concello anuncia que destinará un investimento de 250.000 euros á mellora integral do Parque do Couto, ampliando e renovando zonas de ocio, deportivas e infantís, e adxudicou as obras dunha nova ponte sobre o río Barbaña que comunicará a rúa Manuel Murguía co barrio de O Polvorín. No que atinxe a proxectos do Fondo Estatal de Investimentos Locais, adxudícaronse seis novas obras correspondentes a outros tantos proxectos aprobados polo MAP.
 
 
Parque de Avilés de Taramancos
Adxudicadas as obras do Parque de Avilés de Taramancos e apróbase a mellora do Parque do Couto
19 de MARZO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión deste mércores o proxecto de acondicionamento do Parque Municipal do Couto, sito xunto ó Instituto Galego de Educación á Distancia. O proxecto, cun orzamento de 250.000 euros, ten como finalidade acometer unha mellora en profundidade desta zona de ocio e esparexemento.
O proxecto prevé a renovación do pavimento, construcción de 2 pérgolas, unha á entrada e outra na parte central do parque, a ampliación da zona de xogos infantís, formando unha explanada de 347 metros cadrados, cun areeiro de 16 m2, unha fonte e diferentes xogos, entre outras melloras.

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local adxudicou definitivamente as obras de construcción dunha nova ponte sobre o río Barbaña, entre as áreas de reparto 22-O e 23-O, que comunicará a rúa Manuel Murguía co barrio de O Polvorín.
As obras serán realizadas pola empresa Arias Hermanos Construcciones, S.A., e suporán un investimento total de 1.719.098,99 euros, cun prazo de execución de 6 meses.
A construcción desta ponte permitirá mellorar a comunicación entre as zonas do Posío e O Polvorín e facilitará o desenvolvemento urbanístico da área da Farixa e a marxe esquerda do Barbaña.

Obras do Fondo Estatal de Investimentos Locais

Na mesma sesión, a Xunta Local adxudicou 6 novas obras que se desenvolverán en Ourense co financiamento do Fondo Estatal de Investimentos Locais, nos barrios de O Couto, Covadonga, Barrocás, Oira, As Camelias, e marxe do río Barbaña, cun orzamento total de 1.262.943,13 euros.
Entre elas atópanse as obras de adecuación ambiental da urbanización comprendida entre Ervedelo e Remedios, na marxe dereita do río Barbaña. As obras serán realizadas pola empresa Pozanca, S.L, por un importe total de 562.215,49 euros.

Tamén se adxudicaron provisionalmente as seguintes obras:  
- Restauración da Alameda de Covadonga, á empresa Construcciones M. Costa Lousado, por un importe total de 84.392,13 euros

- Obras de cuberta para pista polideportiva no barrio de Barrocás, á empresa Cubinor Cubiertas Metálicas Autoportantes S.L., por un importe de 229.796,49 euros.

- Iluminación deportiva no campo de fútbol sete e campo de volei praia no complexo deportivo de Oira, á empresa Algamel Ourense S.L., por un importe de 163.757,20 euros

- Saneamento da marxe esquerda do río Barbaña, entre Pozo do Inferno e rúa Carriarico. As obras serán realizadas pola empresa Aquagest, Promoción técnica e financieira de abastecementos de auga, S.A., por un importe de 88.384,22 euros

- Iluminación pública con sistema de telexestión para aforro enerxético no paseo fluvial do río Barbaña, no treito comprendido entre o Pazo dos Deportes Paco Paz e a rúa da Presa á empresa Electricidad Gremaca e CIA, S.L, por un importe total de 134.397,60 euros.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página