Home  
 
 
 
 
  Con unha inversión de 3,3 millóns de euros, dos que Vivenda e Solo da Xunta porá 2,6 máximo, un convenio entre dita Consellería e o Concello de Ourense vai permitir acometer a mellora de 17 rúas e prazas da cidade. A Comisión de Pleno do Concello deulle este luns o visto bo o acordo, para que pase a sesión extraordinaria que o plenario do Concello celebrará o vindeiro luns, día 23 deste mes. O convenio pon de manifesto o interese do Concello por acometer a mellora destas zonas do casco urbano e a reorganización do tráfico rodado co fin de lograr unha ampliación dos espacios peonís, sinala o Concello que dirixe Francisco Rodríguez.
 
 
Un total de 17 rúas e prazas de Ourense serán remodeladas e gañarán espazo para as persoas  
17 de MARZO de 2009: OURENSE DIXITAL

A Comisión de Pleno do Concello de Ourense, en xuntanza celebrada este luns, ditaminou favorablemente a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia para a realización de actuacións de mellora de 17 rúas e prazas da cidade. A sinatura do convenio será presentada a aprobación por parte do Pleno do Concello en sesión extraordinaria que terá lugar o vindeiro luns, día 23 de marzo, ás 10:00 horas.
As obras suporán un investimento total de 3.328.473,87 euros, dos que a Consellería de Vivenda achegará unha cantidade máxima de 2.662.779,10 euros, no ano en curso, o que ven e o 2011.

O convenio pon de manifesto o interese do Concello por acometer a mellora destas zonas do casco urbano e a reorganización do tráfico rodado co fin de lograr unha ampliación dos espacios peonís, que ademáis serán acondicionados para facilitar a comunicación e accesibilidade e serán habilitados como zonas de descanso urbano. A Consellería de Vivenda amosa tamén a súa vontade de apoiar a mellora ambiental destes espacios, percurando un entorno habitable, saudable e factible onde convivan harmoniosamente o home a natureza e o patrimonio construido.

As actuacións suporán a mellora das seguintes rúas: Inmaculada, Bispo Blanco Nájera, Sarmiento de Acuña, Cega, Peña Redonda, Praza Serra Leboreiro, Rúa da Eirexa, Rúa Travesa, Avenida de Zamora, rúa Río Mao, Praza do Sagrado Corazón, rúa Nicomedes Pastor Díaz, rúa Benito Fernández Alonso, Travesía Fernández Alonso, rúa Filomena Dato, rúa García Álvarez e rúa Castelo Ramiro.
Informa o Concello de Ourense que, para intervir axeitadamente na recuperación do espacio urbano nestas zonas, levaranse a cabo as seguintes actuacións:

- Organización de carrís de tráfico rodado e ubicación de zonas de aparcadoiros e zonas peonís con carga e descarga (pavimentación das calzadas, segundo as zonas, con aglomerado asfáltico e adoquinado de formigón)

- Ampliación das zonas peonís (pavimentación mediante losetas de pedra nas beirarrúas e adoquín de formigón nas prazas)

- Acondicionamento destas zonas co aporte da vexetación, do mobiliario urbano e da iluminación adecuados

- Aplacado de pedra granítica nas diferencias de cotas entre beirarrúas e calzadas

- Restitución e solución das escaleiras para acceso a diferentes rúas.

Volver atras
Imprimir Página