Home  
 
 
 
 
  Caixanova continúa a súa programación escolar en Ourense co concerto para escolares "Escenas musicais: os instrumentos como fonte sonora e expresiva", dirixido aos alumnos de Educación Infantil. As funcións serán ás 10.00 e ás 12.00 horas estes luns e martes, días 16 e 17 de marzo, e está prevista a asistencia de 30 centros escolares de Ourense e arredores, con máis de 1.350 alumnos.
 
 
Caixanova acerca aos escolares os instrumentos musicais como fonte sonora e expresiva  
14 de MARZO de 2009: OURENSE DIXITAL

"A música non só é a máis universal das linguaxes, senón tamén o primeiro medio de comunicación utilizado polo ser humano, anterior mesmo á linguaxe verbal", subliñan os organizadores dunha nova actividade das do ciclo para escolares que desenvolve Caixanova na capital ourensá. Estes luns e martes, 16 e 17 deste mes, terá lugar no Auditorio desta cidade o concerto "Escenas musicais: os instrumentos como fonte sonora e expresiva", polo que se agarda que pasen 1.350 escolares de 30 centros educativos da cidade.

Neste concerto os máis pequenos gozarán desa comunicación emotiva e directa cos intérpretes, os cales, cos seus instrumentos, daranlles voz a diferentes personaxes, protagonistas de pequenas historias nas que se reflicten emocións como o diálogo, a pelexa, o enfado, a tristura, a alegría, o xogo, etc. Un actor será o mediador entre o público e aquilo que sucede en escena, permitindo en todo momento a comunicación directa entre ambos os dous.

A coordinación do ciclo corre a cargo da experta en música e pedagoxía Carmen Losada, veterana na elaboración de concertos didácticos para escolares con Caixanova.
Este concerto compleméntase cunha unidade didáctica que está a disposición dos profesores a través de Internet:  www.centrosocialcaixanova.com/actividadesescolares/, que foi confeccionada para un maior aproveitamento da actividade e para conseguir o obxectivo didáctico que se pretende.

Volver atras
Imprimir Página