Home  
 
 
 
 
  Previo a unha reunión da Xestora do PSdeG-PSOE en Ourense, o presidente da Comisión, Ricardo Varela, advertiu ao PP de que acadou nestas eleccións menos votos que os dos partidos que ata agora sustentaban o Goberno da Xunta e que agora estarán na oposición. O que lle debe indicar ao PP e a Núñez Feijóo que deberán gobernar "sen prepotencias e tendo en conta a outra metade de Galicia. Ricardo Varela felicitou públicamente aos socialistas ourensáns e a Pachi Vázquez polo quinto deputado acadado co voto do Exterior, que, dixo, "gañastes a pulso, e que indica a tendencia imparable do Partido Socialista".
 
 
Ricardo Varela indica ao PP que debe gobernar "sen prepotencias" xa que ten menos votos que a oposición
13 de MARZO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

O Presidente da Comisión Xestora do PSdeG, Ricardo Varela, xunto a outros membros deste órgano como a responsable de Organización, Mar Barcón, e vocais como Manuel Vázquez, Laura Seara e Carmen Rodríguez, reuníronse esta tarde cos secretarios xerais, alcaldes e voceiros municipais socialistas da provincia de Ourense na sede do Partido Socialista na capital ourensá.
Foi un encontro que "forma parte das reunións entre a Xestora e as agrupacións para recoller o sentir do partido sobre a futura dirección e estratexia do PSdeG trala celebración do Congreso Extraordinario o vindeiro 25 de abril", sinalou Ricardo Varela. Respecto a esta útima cita, dixo o presidente da Comisión Xestora que está previsto que sexa convocada polo Comité Nacional Galego o próximo sábado 14 de marzo.

Ricardo Varela felicitou ante os medios de comunicación e deu a noraboa aos socialistas ourensás polo quinto deputado acadado na provincia tralo reconto do voto do Exterior. Según Ricardo Varela, "un deputado que gañastes a pulso, e que indica a tendencia imparable do Partido Socialista que gaña posicións frente ao PP".
Varela subliñou que, unha vez pechado o escrutinio, "o Partido Popular ten menos votos que os partidos que sustentaban o goberno ata agora. Teñen menos votos que os outros 37 deputados do Parlamento, polo que deben gobernar sen prepotencias e tendo en conta a outra metade de Galicia que non os votou", advertíu ao PP e a Núñez Feijóo o presidente da Xestora do PSdeG-PSOE.

Así mesmo, anunciou que na vindeira lexislatura "o Partido Socialista fará un traballo de control do Executivo en positivo e defendendo o feito durante os últimos catro anos".
Varela fixo fincapé en que "faremos unha oposición construtiva e esixente, unha oposición útil", e engadiu que o PSdeG "xa está traballando no proxecto de futuro".

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página