Home  
 
 
 
 
  O II Festival Internacional de Música de Ourense "Pórtico do Paraíso", que organiza a Concellería de Educación do Concello de Ourense, remata este domingo, día 15 de febreiro, cun concerto do grupo vocal feminino Discantus, ás 20:45 horas, na Catedral, con entrada libre
 
 
O grupo vocal Discantus pechará este domingo o II Festival de Música de Ourense "Pórtico do Paraíso"  
14 de FEBREIRO de 2009: OURENSE DIXITAL

O grupo vocal feminino Discantus remata este domingo o II Festival de Música de Ourense "Pórtico do Paraíso". Será con outro concerto aberto totalmente ao público na Catedral de Ourense a partir das nove menos cuarto da tarde deste domingo, 15 de febreiro.
Discantus está dirixido por Brigitte Lesne, e composto por Hélène Decarpignies, Anne Guidet, Lucie Jolivet, Catherine Sergent, mezzo-sopranos, e Brigitte Lesne, Brigitte Le Baron, Catherine Schroeder, mezzo-altos. O conxunto vocal, composto habitualmente por entre cinco e dez mulleres, resucita as músicas sacras da Idade Media, desde as primeiras notacións occidentais do século IX ata o século XV, e converteuse nun referente internacional deste tipo de música.

Fundado a principios dos anos 90 pola directora Brigitte Lesne, e con sé no Centro de Música Medieval de París, reúne cantantes de orixes diversas pero capaces de crear un grupo coherente e á vez con timbres individuais ben diferenciados. Apoiándose especialmente no canto gregoriano, Discantus insufla nova vida á Ars Antiqua, época marcada polo apoxeo das grandes peregrinaxes, como a de Santiago, e a construcción de grandes catedrais, como a de Notre-Dame de París.

Volver atras
Imprimir Página