Home  
 
 
 
 
  Os 12 concellos ourensáns que conforman as comarcas de Verín e Viana recibiron máis de 25,3 millóns de euros da Consellería de Medio Rural nesta lexislatura para o sector forestal, aos que hai que engadir outros 25,3 millóns de euros para a mellora das infraestructuras. O sinalou o titular desta Consellería e número 1 da lista do BNG por Ourense nas vindeiras Autonómicas, Alfredo Suárez Canal, que este luns visitou os concellos de Verín e Monterrei. Durante esta visita Suárez Canal tamén destacou as actuacións en materia de prevención e de loita contra incendios levadas a cabo en toda Galiza, e comprobou os resultados dos traballos levados a cabo na base de helicópteros de Vilamaior, en Verín, na que se investiron máis de 284.000 €.
 
 
Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural
Medio Rural cifra en 71 millóns de euros a inversión nos 12 concellos das comarcas de Verín e Viana
3 de FEBREIRO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

A Consellería do Medio Rural investiu esta lexislatura un total de 70.905.000 euros nos 12 concellos que conforman as comarcas de Verín e Viana. Estos son os concellos de Laza, Castrelo do Val, Riós, Vilardevós, Verín, Oímbra, Monterrei, Cualedro, Vilariño de Conso, Viana do Bolo, A Mezquita e A Gudiña, segundo sinalou este luns o titular desta Consellería e candidato número 1 do BNG ás Autonómicas do primeiro de Marzo, Alfredo Suárez Canal, nunha visita a Monterrei e Verín.

Suárez Canal detallou que os investimentos no sector forestal ascenderon a 25.352.000 euros nos tres últimos anos.
Neste sentido, o conselleiro referiuse ao conxunto de medidas realizadas en Galiza neste eido durante a lexislatura, que incluíron obras de mellora e de apertura de novas pistas en máis de 7.261 quilómetros, así como desbroces e limpezas noutros 11.660 quilómetros.
Especial relevancia tiveron tamén as accións para previr e loitar contra os incendios forestais. En concreto, Medio Rural, co fin de facilitarlles as condicións de traballo aos brigadistas, construíu, en toda a comunidade, 146 novos puntos de auga e realizou obras noutros 274; creou 17 novos puntos de encontro e mellorou outros 72 e, por último, actuou en 133 casetas de vixilancia e en 14 das 15 bases aéreas existentes. Precisamente, o conselleiro puido comprobar os resultados destes traballos nunha delas, a base de helicópteros de Vilamaior, en Verín, na que se investiron máis de 284.000 €.

O conselleiro tamén se achegou ás plantacións de monte mixto realizadas no monte comunal de Mourazos-Tamagos, no Concello de Verín, que foron financiadas con fondos públicos dentro das diversas ordes de axudas para a silvicultura, a plantación de frondosas, a repoboación e a primeira forestación de terras non agrícolas postas en marcha por Medio Rural ao longo da lexislatura.
Sinalou Suárez Canal que tamén se impulsaron varias Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) que "van permitir dotar de maior rendibilidade o monte sen alterar a súa estrutura da propiedade", dixo o conselleiro. Entre elas están dúas na Mezquita, unha na Gudiña e outra en Vilardevós.
Nesta última mesmo se vai poñer en marcha un plan experimental de aproveitamento madeireiro e do froito do castiñeiro a partir dos 8 anos, en lugar de agardar aos 40 anos aos que habitualmente se realizan as cortas de madeira, segundo adiantou Suárez Canal.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página