Home  
 
 
 
 
 

A Comisión de Pleno do Concello de Ourense deu o visto bo na súa xuntanza deste venres á aprobación provisional da modificación puntual do Plan de Urbanismo en 6 grandes ámbitos da zona norte da cidade. Esta modificación será incluida na orde do día do pleno do vindeiro venres, día 6 de febreiro, para a súa aprobación provisional e posterior remisión á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. "A modificación ten como finalidade encauzar o desenvolvemento urbanístico de seis importantes zonas do barrio da Ponte mediante reordenacións do planeamento que persiguen, fundamentalmente, solucionar o conflicto xudicial que deu lugar á sentenza que anula toda un área de planeamento do vixente Plan", sinala o Concello de Ourense. A Comisión deulle o visto prace tamén ás novas tarifas dos taxis de Ourense, que subirán no 2009 entre un 6 e un 9%.

 
 

O Concello modificará o Plan de Urbanismo en seis ámbitos de A Ponte e autorizará subidas nos taxis de entre o 6 e o 9%

31 de ENERO de 2009: OURENSE DIXITAL

O Concello de Ourense deulle o visto e prace á modificación provisional do Plan de Urbanismo en seis grandes ámbitos do barrio de A Ponte desta cidade, o que ten como finalidade "encauzar o desenvolvemento urbanístico de seis importantes zonas do barrio da Ponte mediante reordenacións do planeamento que persiguen, fundamentalmente, solucionar o conflicto xudicial que deu lugar á sentenza que anula toda un área de planeamento do vixente Plan", sinala o propio Concello, así como evitar previsibles reclamacións xudiciais (na rúa Quintián), ordenar sostiblemente o barrio e solucionar necesidades de solo para novos equipamentos, infraestructuras e servicios necesarios que no foron resoltas axeitadamente polo Plan de Urbanismo aprobado en 2003.
Entre estas salientan a construcción dun centro de día e outros equipamentos, novas zonas verdes, paseos peonís nas proximidades do río Miño, unha nova rúa na zona do Ribeiriño ou un novo vial de acceso á glorieta da estación de autobuses que non xenere impactos negativos.

As Caldas/Basilio Álvarez

A ordenación urbanística de toda a Área de Planeamento Incorporado 06-N (As Caldas/Basilio Álvarez) foi recentemente anulada por varias sentenzas xudiciais, que impiden o desenvolvemento dunha zona estratéxica de A Ponte na que se prevé a construcción de novas vivendas, zonas verdes e servicios, así como de equipamentos moi necesarios para o barrio. 
A modificación do Plan resolve a necesidade de ordenación derivada desta anulación, incrementa a edificabilidade prevista desde 4.933 ata 5.538,60 m2, onde se ubicarán as vivendas actuais, co consecuente aumento da aportación de terreos que serán cedidos ó Concello para acondicionar novos espacios libres, dotacionais e prazas de aparcamento. Con esta reordenación, acádanse 1.331,04 metros cadrados que se destinan a a dotacións para o barrio.

Reordenación da área de reparto 44N, entre a Estada de Vigo e as rúas Basilio Álvarez, Xesús Pousa e Casilla

Esta zona está situada a carón da estrada de Vigo, nudo de alta intensidade de tráfico da provincia, e ten unha especial relevancia ó estar próxima ó río Miño, ós proxectos termais da cidade, e á futura estación do AVE.
A modificación do PXOM pretende limitar o impacto que produce esta elevada edificabilidade, evitar fracturas no tecido urbano, artellar esta zona coa do Plan de Termalismo e a da estación do AVE, e liberar no posible o nudo que supón a estrada a Vigo, con visitas a traballar na futura conversión deste vial nun bulevar, con tratamento de rúa e non de estrada.

A solución plantexada mantén a edificabilidade pero separando as torres, para que os barrios detrás delas non queden pechados. Libéranse espacios peonís e amplíase o sistema de espacios libres e zonas verdes que permita no futuro ampliar o nudo viario e crear unha serie de terrazas atractivas e ben conexionadas entre si que podan usar con facilidade veciños e visitantes da cidade, formando un conxunto de espacios urbanos interconexionados e atractivos.

Área de reparto 42N, nova rúa na zona do Ribeiriño

Neste caso, reordénase o entorno para correxir deficiencias detectadas no Plan de 2003 e acometer a construcción dunha rúa prevista que ata agora era inexecutable. A modificación mantén a edificabilidade, cambia as aliñacións, xa que o PXOM pechaba o oco da ponte e esquecía os problemas coa rúa Verea Vella. Así, reordénanse espacios para que se poda construir unha rúa con calzadas e beirarrúas e incorporar un acceso peonil axardinado preservando o regato existente e interconexionando mellor esta área co entorno.

Área de reparto 35N, novo vial de acceso á glorieta da Estación de Autobuses

Nesta zona o PXOM prevía un novo vial de enlace coa glorieta da estación de autobuses, que resulta inexecutable á vista dos informes dos servicios de de Infraestructuras municipal e da Confederación Hidrográfica. Ante esta situación, a modificación resolve a conexión cunha ponte sobre pilares sobre unha gran nova zona verde, sen destruír a topografía natural. Tamén se aumenta a superficie destinada a zonas verdes en 14.543,46 m2

Centro de día na Avenida Gómez Franqueira

O Plan Xeral califica como zona verde unhas edificacións existentes ó remate da Avenida Gómez Franqueira, que foron cedidas polo Ministerio de Fomento ó Concello. Ante a perentoria necesidade de equipamentos sociais no distrito norte da cidade, esta modificación, nunha superficie de 2.000 m2, permitirá destinar estas edificacións ó uso para o que foron cedidas: centro de día para o barrio. A reducción de 2.000 m2 de zona verde substitúese polos novos solos clasificados como zona verde na área de reparto 35 N, tamén neste distrito

Modificación na Rúa Quintián para evitar indemnizacións xudiciais

Abrangue unha parcela na rúa Quintián-Río Sil, calificada no Plan vixente como solo consolidado con baixo máis catro plantas, separada apenas por 0,80 m do inmoble contiguo de baixo e 4 plantas amparado por licencia municipal desde 1976. Desde 1996 foron solicitadas condicións para edificar nesta parcela, que foron denegadas con informes técnicos desfavorables dada a obriga do Concello de velar polo mantemento das condicións de habitabilidade do inmoble amparado por licencia.
Ante esta situación, a modificación do PXOM elimina a edificación da parcela inedificable de 5 plantas, trasladando os dereitos edificatorios a outra zona do distrito norte, a área de  reparto 35 N.
A modificación do Plan será presentada a aprobación provisional por parte do Concello e se remitirá á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.

As tarifas dos taxis suben en Ourense entre un 6 e un 9% en 2009

A Comisión deu tamén o visto e prace á solicitude realizada pola Asociación de Taxistas de revisión, nun 6%, das tarifas número 1 (servicios de luns a venres de 7 a 22 horas); tamén nun 6% da tarifa número 2 (sábados, domingos e festivos, de 7 a 22 horas); e dun 9% no caso da tarifa número 3 (de luns a domingo, de 22 a 7 horas).
Deste xeito, as tarifas correspondentes ás baixadas de bandeira pasarán de 1,73; 2,37 e 2,37 euros a 1,83; 2,51 e 2,58 euros, respectivamente, sinala ao respecto o Concello de Ourense.

Volver atras
Imprimir Página