Home  
 
 
 
 
  O Consello da Xunta autorizou a encomenda da Consellaría do Medio Rural á empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, SEAGA, para a xestión do servizo de brigadas de prevención, vixilancia e defensa contra os incendios forestais para durante este ano, 2009. "Trátase do persoal de reforzo que actuará na época de máximo risco durante o verán", sinala o departamento de Suárez Canal, que recorda que esta fórmula xa se administrou no ano 2008.
 
 
Medio Rural repite a fórmula do 2008 e encomenda o reforzo das brigadas lume en 2009 a SEAGA
30 de XANEIRO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

Ao igual que o ano anterior, 2008, a Subdirección de Defensa contra Incendios Forestais encoméndalle á empresa pública SEAGA o servizo de brigadas de prevención, vixilancia e defensa contra os incendios forestais para o ano 2009, "coa finalidade de instrumentar o cumprimento das súas funcións", sianala dito departamento dependente da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Trátase do persoal de reforzo que actuará na época de máximo risco durante o verán. Este acordo tomouse no Consello da Xunta que se celebrou na mañá deste xoves.

"O obxectivo desta encomenda é poñer en funcionamento un dispositivo que realice traballos ligados á prevención, vixilancia disuasoria e extinción de incendios forestais composto por brigadas de vixilancia móbil, brigadas de reforzo de verán e brigadas helitransportadas, así como outras categorías de persoal técnico de reforzo", sinala ao repecto a Consellería de Medio Rural.
As brigadas localizaranse en todo o territorio de Galiza e, por necesidades da Subdirección Xeral de Defensa contra os Incendios Forestais, se indica que "poderán desprazarse a calquera punto do país para realizar labores de prevención e defensa contra incendios forestais".

O período de funcionamento das brigadas estenderase entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. O despregue será paulatino dependendo das condicións meteorolóxicas e das necesidades do servizo, cun tempo de tres meses de actividade para as brigadas móbiles e terrestres.
No inicio do dispositivo, os primeiros días estarán dedicados a completar a formación do persoal e o resto, incluíndo a totalidade dos días da semana, realizarán traballos de vixilancia, primeiro ataque e outras funcións que lles sexan encomendadas relacionadas coa prevención, a vixilancia e a extinción de incendios forestais.

Por último, sinálase na nota emitida ao respecto que estas brigadas actuarán "conforme ao fixado nos protocolos de actuación aprobados pola Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais para a prevención, vixilancia e extinción de incendios forestais", mas que se establece a cadea de mando e o procedemento operativo, segundo a Consellería de Medio Rural.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página