Home  
 
 
 
Fotografía : JOSÉ CERDEIRA 
 

Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense

 
  Despois de recibirse no Concello de Ourense comunicación do Ministerio de Administracións Públicas da aprobación dos catro proxectos que completan os sete ata o de agora presentados ao Fondo Estatal de Investimento Local, o departamento de Comunicación de Francisco Rodríguez repasou as principales características de ditos proxectos e as obras que se acometerán coa consignación orzamentaria que achega o Goberno central. Deste xeito, cumpríronse tamén as previsións feitas polo rexidor municipal o luns, xa que Francisco Rodríguez sinalaba o coñecerse a aprobación dos tres primeiros proxectos que "seguramente non teremos que agardar ata ano novo para ter máis novas de Madrid". O rexidor socialista confiaba en que entre este martes ou o mércores habería máis novedades, como así ocurríu.
 
Noticias Relacionadas
  Rodríguez: "os primeiros sempre teñen un significado especial, pero agardamos que haxa máis"
 
 
Cúmprense os pronósticos do alcalde de Ourense de que habería máis proxectos antes de rematar o ano
31 de DICIEMBRE de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Rehabilitación do Cemiterio de San Francisco

O proxecto de rehabilitación do cemiterio de San Francisco pretende propiciar unha mellora sustancial no estado deste equipamento, que ten a consideración de Ben de Interese Cultural. Así, rehabilitarase o muro de peche, remodelarase o edificio de servicios situado á entrada do camposanto, habilitaranse aseos públicos para os visitantes e acometeranse diferentes melloras de accesibilidade. As obras teñen un orzamento de 448.131,20 euros.
O primeiro eixo do proxecto será o muro de peche do cemiterio, que precisa unha urxente rehabilitación. Construído con mampostería de granito, o seu perímetro é duns 650 metros liñais e a altura varía entre 2 e 4 metros. Debido ó tipo de construcción (mampostería tomada con barro principalmente), presenta un estado de deterioro avanzado, principalmente a causa da falta de coroación do muro en grande parte do seu perímetro. Este estado supuxo xa o derrubamento puntual dunha zona e a posibilidade de derrubamento doutras. Así, o proxecto analizará o estado actual do peche e as súas patoloxías, e definirá a reparación seguindo un criterio arquitectónico uniforme que poña en valor este ben de interese cultural.

O edificio de servicios sito á entrada do cemiterio, antigamente destinábase a vestiarios do persoal e sala de autopsias. Desenvólvese en planta baixa, con forma cadrada e cen m2 de superficie, con muros de carga de pedra de gran espesor no seu perímetro e cuberta de tella a 3 augas. O edificio atópase en estado de ruína provocada principalmente pola entrada de auga por cuberta e, polo tanto, en desuso, provocando a situación de falta de vestiarios e asesos de persoal que actualmente se viron desprazados a unha caseta de obra.
Así, o proxecto propón a rehabilitación do edificio resaltando o seu valor arquitectónico como parte do conxunto do cemiterio, ademáis de dotar ó persoal cun vestiario e servicios eliminando a caseta de obra existente. O edificio albergará tamén uns aseos adaptados para o público con acceso independente hoxe inexistentes e dunha pequena oficina. Recuperarase a estructura de cuberta e retellado, as fachadas e carpinterías exteriores, adecuarase a distribución interior, e dotarase de aillamento térmico, solados e falsos teitos novos, instalacións de fontanería, sanitarios, electricidade e calefacción. O proxecto complétase coa realización de traballos de pintura carpintería interior, e adecuación exterior.

Parque Público de Avilés de Taramancos

O segundo dos proxectos aprobados é a construcción dun gran parque público na rúa Avilés de Taramancos, cun orzamento de 594.999,99 euros. Elaborado pola Concellería de Medio Ambiente, desenvolverase na marxe do río Barbaña no tramo comprendido entre as rúas Ervedelo e Pardo de Cela, cunha superficie de 5.000 metros cadrados. Está concebido como un punto de encontro interxeneracional, no que compatibilizar o paseo coa relaxación e o disfrute da natureza coa práctica de xogos por parte dos cativos. O proxecto recupera as especies vexetais características das orixes desta zona da cidade, Ervedelo, que recibiu o seu nome pola gran presencia destas árbores, os érbedos, que serán protagonistas do parque. O proxecto inclúe unha lámina de auga, unha zona de xogos infantís con elementos moi novidosos, e un templete elevado concebido como un espacio de relaxación e descanso, entre outros elementos que permitirán recuperar e poñer en valor este espacio situado na  marxe do río Barbaña.

Enlace peonil da Avenida de Marín coa de Santiago

Tamén recibirá financiamento con cargo ó Fondo Estatal o proxecto de reforma e acondicionamento do enlace peonil da Avenida de Marín coa de Santiago na súa intersección e formación de parque para disfrute vecinal, por un importe de 352.382,12 euros. O obxecto das obras é dotar duns accesos cómodos ó enlace, á vez que se sanea e aproveita a franxa de terreo comprendida entre os edificios destinados á docencia e a Avenida de Santiago no seu comezo. As novas escaleiras serán de pedra con barandillas de aceiro inoxidable ancladas a un muro tamén de pedra, en ambos lados. Executarase tamén unha rampa de acceso apta para minusválidos, e un paseo axardinado que se unirá á Avenida de Santiago mediante unhas escaleiras.

Alumeado público con novo sistema de telexestión no Paseo do Barbaña

Tamén será financiado con cargo ó Fondo Estatal o proxecto de alumeado público con sistema de telexestión para aforro enerxético no paseo fluvial do Río Barbaña, no tramo comprendido entre O Polvorín e o Pazo dos Deportes Paco Paz, por un importe de 501.149,67 Euros. As instalacións proxectadas sustituirán ó alumeado exterior actualmente existente na zona, que presenta un rendemento e un estado de conservación e seguridade moi deficiente. Mediante este proxecto, instalaranse un total de 168 puntos de luz, con vantaxes como un fácil recambio, moi pouco requentamento e a posibilidade de colocalas directamente sobre calquer material. As lámpadas que se instalarán seguen a liña da Concellería de Medio Ambiente, que opta nas últimas obras -coma o Xardín do Posío-, por lámpadas de alto aforro enerxético e baixo consumo, que controlan a luz solar, e a partir da 1:00 h. reducen o consumo e a intensidade nun 50%.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página