Home  
 
 
 
 
  O vicepresidente da Xunta presentou este luns en Allariz o inicio das obras do edificio interxeracional. Trátase de vivendas que forman parte dun proxecto global que inclúe 8 edificios noutros tantos concellos, cun orzamento de 20,6 millóns de euros. O vicepresidente da Xunta salientou a importancia que teñen as vivendas comunitarias para mozos e maiores como un proxecto co que optimizar recursos e emprender iniciativas conxuntas que xeren economías de alcance, coas que así facer fronte ao actual contexto de crise económica. Para Quintana "é preciso crear na actualidade proxectos que integren nunha mesma solución respostas a múltiples demandas". O novo edificio, que estará rematado a finais de febreiro de 2010, conta con baixo e tres andares e disporá de 32 apartamentos de unha e dúas habitacións que serán alugados a mozos e maiores a prezos asequibles.
 
Noticias Relacionadas
  Quintana presenta o proxecto do novo Centro Sociocomitario de Maceda que estará listo en 2010
 
 
Vicepresidencia estrena en Allariz un proxecto de edificio onde convivirán mozos e maiores
Fotografía : JOSÉ CERDEIRA 
9 de DECEMBRO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Nun acto ao que asistiu a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Taboas, así como o alcalde de Allariz, Francisco García, o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou o inicio das obras do Edificio Interxeracional. Trátase de vivendas que forman parte dun proxecto global onde van a convivir mozos e maiores. Quintana salientou a importancia, dixo, que teñen este tipo de vivendas comunitarias como "un proxecto co que optimizar recursos e emprender iniciativas conxuntas que xeren economías de alcance".

Segundo explicou Anxo Quintana, este tipo de vivendas comunitarias nacen froito da unión de forzas entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Vivenda e procuran un dobre obxectivo: por unha banda melloran o benestar e a calidade de vida das persoas maiores, evitando o seu illamento e favorecendo a permanencia en contornos normalizados; e por outro lado, resolven as dificultades de acceso a unha primeira vivenda por parte da xuventude.
Para Quintana estes proxectos nacen porque agora é o momento para a política social, para atender ás necesidades dos colectivos que máis axuda e protección precisan, e lembrou a responsabilidade que ten o Goberno galego de poñer en marcha iniciativas deste tipo que beneficien a mozos e persoas maiores.

Novo concepto de vivendas

O edificio interxeracional que se comezará a construír en Allariz supón un novo concepto de vivenda pioneiro no país e no Estado, segundo sinala o departamento de Quitana González.
Trátase dunha nova fórmula de vivenda protexida en réxime de alugueiro destinada ás persoas maiores e aos mozos e mozas, ao tempo que dispón na planta baixa dun centro de día con 30 prazas, infraestrutura coa que se amplía o catálogo de recursos do Sistema Galego de Benestar.

O novo edificio, que estará rematado a finais de febreiro de 2010, conta con baixo e tres andares e disporá de 32 apartamentos de unha e dúas habitacións que serán alugados a mozos e maiores a prezos asequibles.
Trátase dun edificio vangardista e accesible para as persoas con mobilidade reducida, e foi deseñado con diferentes solucións na procura do aforro enerxético. No inmoble habilitaranse ademais zonas comúns para facilitar a sociabilidade e as relacións sociais entre os residentes.
Na construción deste edificio, que ocupa máis de 1.400 metros cadrados de superficie, investiranse un total de 2,6 millóns de euros.

"A través deste novo formato residencial a vivenda deixa de ser un recurso individualizado para converterse nun instrumento que constrúe rede social, ao tempo que se sitúa a Galiza como líder do Estado na aposta pola innovación nas políticas de vivenda social, xunto con outras iniciativas en materia de vivenda promovidas desde o Goberno galego", sinala Vicepresidencia do Benestar.

Tal como detallou Anxo Quintana, con este proxecto "quérese satisfacer as distintas necesidades que hai na actualidade, e que se reflicten en datos como que o 11 por cento dos fogares galegos vive un maior solo, mentres que, por outra banda, case o 75 por cento dos mozos de entre 18 e 29 anos viven ou se ven obrigados a vivir cos seus pais".
Ademais, os xóvenes que deciden emanciparse gastan ata un 72 por cento do seu salario no pago dunha hipoteca. Para Quintana estas son realidades sociais de Galiza ás que o Goberno está obrigado a darlle solución.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página