Home  
 
 
 
 
  A Tenencia da Alcaldía anuncia que someterá a concurso público a adxudicación das pantallas informativas do Concello de Ourense, "seguindo os principios rectores da política do BNG que se rixen pola transparencia, polo beneficio público e polo servizo cidadán", sinalan os de Alex Sánchez Vidal. Baixo esta premisa, "a Tenencia quere sacar por primeira vez nunha cidade a concurso público a concesión do servizo de información turística e comercial da cidade a través de pantallas xigantes tipo LCD", engade. Ao tempo que aclara que en cidades como Vigo, Santiago, Sevilla ou o Carballiño, con gobernos do PSOE, "foron adxudicados de xeito directo e sen procedemento pantallas publicitarias de semellantes características". Sánchez Vidal tamén recorda aos populares que optou cando gobernaba pola adxudicación directa no caso das cabinas telefónicas ou dos catro reloxos termómetro que hai instalados na cidade. Tenencia sostén que a oferta que había era moi boa, e o proceso seguido totalmente legal.
 
 
Tenencia anuncia que sairán a concurso as pantallas xigantes, pero di que a oferta que había era moi boa
Fotografía : JOSÉ CERDEIRA 
5 de NOVEMBRO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O grupo nacionalista no Concello de Ourense considera que "o procedemento seguido para adxudicar o servizo de información turística e comercial foi escrupuloso e que tan só buscou favorecer o interese da cidadanía e o servizo público", sinálase nunha nota informativa emitida este martes para atallar as críticas e insinuacións do Partido Popular ao respecto. "Existe un expediente completo elaborado polos técnicos municipais, e a concellería de Comercio e Turismo optou pola mellor das ofertas presentadas, a que supuña un custe cero para o Concello", engade ao respecto o tenente de alcalde, Alex Sánchez Vidal.
Aínda así, o Grupo do BNG anuncia que someterá a concurso público a adxudicación das polémicas pantallas informativas do Concello de Ourense.

Con todo, Tenencia de Alcaldía recórdalle ao PP que "non pediu ningún tipo de oferta e optou pola adxudicación directa" no caso dos catro reloxos termómetro que existen na cidade ou na adxudicación das cabinas telefónicas. E que mesmo seguiu o procedemento de renovación directa da concesión dos reloxos termómetro no ano 2003.
Sinala a Tenencia de Alcaldía que en todos estes casos as licencias de instalación baseánse no artigo 77 do Reglamento de Bens de Entidades Locais, que nos seus puntos 1 e 2 din textualmente que "o uso común especial normal dos bens de dominio público suxeitarase a licenza, axustada á natureza do dominio, aos actos da súa afectación e a apertura do uso público". No punto 2, sigue sinalándo a Tenencia de Alcaldía, establécese que "as licencias otorgaranse directamente, agás se por calquera circustancia se limitara o número das mesmas, en cuxo caso o será por licitación e, se non fose posible, porque todos os autorizados tivesen que reunir as mesmas condicións, mediante sorteo".
No caso das pantallas publicitarias a súa colocación non tiña carácter de exclusividade "dado que no futuro, co medre da cidade, o Concello podería considerar maiores necesidades informativas e dar paso a novas empresas e novas ofertas", concreta Sánchez Vidal.

WIFI nun radio dun quilómetro de cada pantalla

Por último, sinala a Tenencia de Alcaldía que noutros concellos, como en Vigo, Santiago, Sevilla ou o Carballiño, con gobernos do PSOE, foron adxudicados de xeito directo e sen procedemento pantallas publicitarias de semellantes características, tan só coa licencia de instalación.
"É máis, no caso de Vigo a colocación destas pantallas non tivo ningunha contraprestación para o Concello. No caso de Ourense existía un expediente administrativo e seguiuse o modelo de concurso negociado", sinala Sánchez Vidal.
Despois dunha serie de puntualización referentes a legalidade do proceso e dos pasos dados ao respecto pola Tenencia de Alcaldía, conclúese sinalando que "a oferta da empresa que foi a Xunta de Goberno era beneficiosa para os cidadáns, xa que ademais de ofertarlle un servizo de información municipal, tamén terían alí cabida as informacións das distintas asociacións de veciños, culturais e sociais de Ourense."

Segundo Sánchez Vidal, a empresa ofertaba tamén como mellora da su proposta un servizo de conexión a internet gratuíto para os ourensáns nun radio dun quilómetro de cada pantalla a través do sistema WIFI. A cambio, o Concello permitía que a empresa utilizase o 50% do tempo de emisión das pantallas para explotación comercial como método para rendabilizar e sufragar o servizo público.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página