Home  
 
 
 
 
  ADEGA diríxese públicamente aos responsables de Medio Ambiente para advertirlle das intencións de Unión Fenosa co proxecto chamado "Belesar III", sinala ADEGA que moi semellante ao Santo Estevo II, e pregunta "se van a permitir que se consume esta desfeita, como aconteceu coa de Santo Estevo II". A organización ecoloxista cuestiona as "inconcrecións" dun proxecto que carece de estudos planimétricos, siquera calquera gráfico que revele as intencións reais de Unión Fenosa, e sinala que o proxecto, xunto co de Os Peares III, "xerará importantes cantidades de entullos durante varios anos", e que será previso remover no caso de Belesar III máis de 360.000 metros cúbicos de cascallos.
 
 
ADEGA denuncia outro proxecto na conca do Miño, o "Belesar III", que califica de "grave atentado"
22 de OCTUBRE de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O proxecto de modificación das características da concesión dos saltos de Belesar e os Peares presentado por Unión Fenosa "está encamiñado a aumentar o aproveitamento hidroeléctrico da bacía media do Miño bombeando dende o encoro dos Peares até o de Belesar nas horas nocturnas de baixa demanda, e turbinando polo día en horas de alta demanda", conclúe a Asociación para a Defensa Ecoloxica de Galicia ao dirixirse ao respecto deste novo proxecto a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Polo que, para ADEGA, "o seu único obxectivo é lucrar á empresa promotora, Unión Fenosa, a costa das subvencións públicas ás enerxías renovábeis".
Esta "modificación de características", como a empresa lle chama ao seu proxecto co que acaba de facerse ADEGA, xerará importantes cantidades de entullos  ou cascallos durante varios anos, aínda que o colectivo ecoloxista cuestiona tamén que na documentación de Unión Fenosa non consta canto van a durar as obras. En calquera caso, segundo os cálculos de ADEGA, será preciso mover no proxecto de Belesar III non menos de 360.000 metros cúbicos de entullos, aos que haberá que engadir os 77.000 calculados no caso de Os Peares III.

Proxecto inconcreto

Outro dos aspectos que denuncia a organización ecoloxista é a escasa concreción que Unión Fenosa fai das súas pretensións no proxecto, xa que non se inclúen planos das obras previstas nin onde van estar ubicadas exactamente, así como tampouco se sabe por onde van pasar as liñas de alta tensión para conectar á rede eléctrica as novas infraestruturas.
ADEGA denuncia neste senso, que a documentación que presenta a peticionaria, Unión Fenosa, apenas nomea un aspecto fundamental para a avaliación ambiental do proxecto como é a necesidade de valeirar o encoro actual, que só aparece recollida deste xeito: "O condicionante de ter que valeirar o encoro para a súa construcción, fai que a toma se sitúe nunha cota sensiblemente máis alta que as tomas da central de Belesar, de xeito que na fase de construcción se interfira o mínimo posible na actual explotación do encoro".

Por último, advirte ADEGA que a Consellería de Medio Ambiente contempla o proxecto como unha "ampliación" ou "tunelización" dunha central existente, e non como a construcción dunha central hidroeléctrica nova. "Este feito pode servir para que a Xunta, segundo palabras do seu Presidente, Sr. Touriño, autorice un proxecto que vai ocasionar enormes danos ambientais e económicos nun ecosistema saturado de infraestruturas de producción eléctrica", conclúe advertindo a organización ecoloxista.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página