Home  
 
 
 
 
  Os 15.000 veciños de Ourense que vivirán nas cinco zonas en desenvolvemento na ladeira do Montealegre (Barrocás 1 e 2, O Tombo, Porteliña e A Rampla)  non teñen actualmente garantido o seu abastecemento de auga, por non ter estado previstas no PXOM vixente as necesarias redes que lles leven este recurso. Asimesmo, tódolos habitantes da marxe esquerda do Miño tampouco disfrutan dun abastecemento de calidade, por ter un ramal demasiado pequeno para as súas necesidades, e insuficiente capacidade de bombeo dende a Estación de Bombeo de Chapa.
Para correxir estas deficiencias estruturais no abastecemento de auga no Concello de Ourense, así como paso previo para a renovación da rede de subministración en toda a cidade, o Goberno de Ourense sinala que "é necesario abordar a construción de novos puntos de captación, condución e depósito". O que agora se aborda.
 
 
Unha inversión de 16 millóns de euros garantirá auga a 15.000 veciños desta cidade nos vindeiros anos  
11 de SETEMBRO de 2008: OURENSE DIXITAL

Esta actuación estrutural suporá un investimento de 16 millóns de euros. O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, asinará o próximo 7 de outubro un convenio co ente xestor do Ministerio de Medio Ambiente, Acuanorte, para a redación do proxecto construtivo que sinale tódalas actuacións necesarias para este fin.
Así, no texto do convenio para o proxecto construtivo de "Abastecemento de auga a Ourense", o documento recoñece que actualmente "a poboación situada na marxe dereita do Miño non dispón das garantías de cantidade de recurso necesarias" , xa que o ramal que parte o anel principal  de reparto do sistema de abastecemento da cidade e cruza o Miño "carece de capacidade suficiente para subministrar as pautas diarias producidas durante os meses de verán, cando as demandas son maiores polas altas temperaturas e baixas precipitacións".

Asimesmo, o documento sinala que "a capacidade da Estación de Bombeo de Chapa, encargada de impulsar a auga ata as zonas de maior cota, e ós tres principais depósitos que regulan a subministración desta área da cidade (Chapa, Eiroás e Madrosende) son insuficientes, xerando situacións de precariedade que poñen en perigo o abastecemento nos momentos de maior demanda".

Finalmente, o proxecto construtivo do novo abastecemento, que terá 700.000 euros de presuposto e que suporá a inversión de 16 millóns de euros para a súa execución material, terá como obxectivo paliar o déficit que lastra o crecemento de cinco zonas contempladas no PXOM redactado polo anterior equipo de Goberno, pero que non contan co necesario caudal.
Trátase da zona da ladeira do Montealegre, cunha poboación potencial de 15.000 persoas, no que “o sistema de distribución actual non conta con capacidade para afrontar o forte crecemento previsto nesta zona da cidade”.
O prazo para a redación destes traballos rematará en maio de 2009.

Volver atras
Imprimir Página