Home  
 
 
 
 
  A Consellería de Vivenda e Solo e o Concello de Ourense asinaron un convenio de colaboración para a rehabilitación do conxunto de fachadas traseiras dos nº 24, 26, 28, 30, 32, 34, 36, 38 e 40 da rúa Pena Trevinca, ubicada no casco histórico. O obxectivo desta actuación é reducir o impacto visual negativo destas fachadas sobre o Centro Histórico da Cidade, necesidade que xa foi recollida no Plan Especial de Reforma Interior do Casco Histórico. O convenio remitíuse este mércores a Tenencia de Alcaldía, con un orzamento de 212.650 euros dos que Vivenda e Solo aporta 170.119.
 
 
O Concello de Ourense xa ten no seu poder o convenio con Vivenda e Solo para rehabilitar as fachadas traseiras de Pena Trevinca  
11 de SETEMBRO de 2008: OURENSE DIXITAL

A Consellería remitiu este mércores o convenio asinado á tenencia de alcaldía do Concello de Ourense para a rehabilitación do conxunto de fachadas traseiras dos nº 24, 26, 28, 30, 32, 34, 36, 38 e 40 da rúa Pena Trevinca. Tal e como se recolle no texto, do orzamento total previsto para acometer as obras - 212.650 euros – a Consellería aportará 170.119 euros, o 80% do total. Pola súa banda, o Concello de Ourense será o encargado de levar a cabo tódalas actuacións relativas á contratación das obras proxectadas, así como as relativas á obtención dos permisos e das autorizacións que sexan necesarias.

As obras consistirán fundamentalmente na supresión ou reorganización de elementos superpostos á fachada, dándolles un tratamento conxunto de orde e deseño. Así, eliminaranse os tendais, pintaranse as reixas, as saídas de gases mudaranse por outras novas segundo o deseño, os aparatos de aire acondicionado taparanse con caixóns de chapa perforada, as baixantes descorrerán polo exterior das vivendas, e os canalóns serán substituídos por outros novos de zinc.

Tamén se realizará unha actuación de mellora e acondicionamento no pasadizo da rúa Coenga-Rúa Pena Trevinca, e se fará un tratamento de cor das fachadas, por considerarse axeitada unha variación de cor que xerará unha nova harmonía no conxunto do espazo.

Volver atras
Imprimir Página