Home  
 
 
 
 
  No curso da visita que o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, fixo este mércores a Galicia, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que a presenza de Zapatero en Galicia, ademais do cumprimento do acordado na Moncloa o pasado 31 de xullo, supón un “sinal inequívoco do compromiso, o alento e o interese persoal” do presidente do Goberno central co proxecto do AVE, un proxecto “estratéxico e decisivo” para a nosa comunidade. Zapatero sostivo que, durante a visita en helicóptero previa ás obras da liña Santiago-Ourense, puido constatar a “evidencia” de que “a maior transformación nas comunicacións na historia de Galicia está en marcha e avanzada”.
 
 
Zapatero sitúa o eixo Santiago-Ourense como referente do esforzo dinamizador do Goberno nas infraestructuras galegas
28 de AGOSTO de 2008: OURENSE DIXITAL

O xefe do Executivo galego remarcou que as obras do AVE Santiago-Ourense-Madrid ou do Eixo Atlántico demostran que Galicia está a vivir “a maior transformación da súa historia ao fío do maior investimento en obra pública da historia neste país”.
“Dígoo desde a pequena lexitimidade que me poida dar ter sido responsable  directo da obra coa cal se podería comparar, as dúas autovías que conectan Galicia coa Meseta, sinalou Pérez Touriño, quen destacou que, se aquel investimento dun Goberno socialista marcou un antes e un despois na historia do país, "hoxe estamos vivindo un momento decisivo por positivo, por transformador, porque dixen sempre que outra Galicia era posible e estamos construíndo xuntos outra Galicia”, sinalou Pérez Touriño.

Segundo explicou o presidente, a execución das obras do AVE Santiago-Ourense revelan un esforzo investidor “sen precedentes” que está en cosntrución, cun elevado grao de execución. Unha obra, agregou, “excepcional, singular e complexa” porque o seu trazado transcorre case nun 60% en túnel ou viaduto, porque para os seus  87 quilómetros esixiu un investimento superior aos 1.800 millóns de euros e porque vai permitir reducir o tempo de viaxe dos actuais 90 minutos a apenas 25. “Falamos doutro país, doutra Galicia, que co compromiso do Goberno  de España, co maior investimento da historia da comunidade estase facendo realidade. Galicia está avanzando moito e de présa e estou seguro que no seu futuro inmediato o fará aínda máis se cabe”, asegurou.

Segundo explicou Pérez Touriño, Galicia e Madrid “no ano comprometido 2012” poderá recorrerse nun tempo de dúas horas e 15 minutos o que fará que o país “deixe de ser periferia” e gañe “o soño e o obxectivo central que compartimos e alenta o presidente do Goberno de España de convertirnos nun país central, no centro de España e no corazón de Europa”.

O presidente da Xunta sinalou que para poder acadar este “soño”, Galicia precisa manter o esforzo investidor do Estado nese 8% de cara aos vindeiros orzamentos xerais e licitar os 9 tramos pendentes do AVE entre Ourense e Zamora, compromisos adquiridos por Zapatero na entrevista do 31 de xullo pasado e que hoxe mesmo volveu ratificar a pé de obra. “Para Galicia é un día moi importante, un  sinal inequívoco, rotundo e claro de compromiso e de impulso decisivo”, concluíu Touriño.

Previamente, a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, informou de que o Goberno de Zapatero multiplicou por 100 o investimento realizado polos Gobernos do PP, o que exmplificou en que se en abril de 2004 se levaban investidos 6 millóns de euros no AVE galego agora son máis de 714 millóns, ao tempo que se multiplicou por cinco o ritmo anual de investimento executado.

Nesa liña, a ministra incidiu en que na liña Santiago-Ourense o nivel de execución en abril de 2004 era “irrelevante”, posto que non se executaran nin 5 millóns de euros e hoxe supéranse os 800 millóns. “Se en 2004 non se iniciaran as obras, hoxe está en execución toda a liña”, manifestou Magdalena Álvarez, quen explicou que se traballa para pechar “tan pronto” como sexa posible os treitos urbanos de Santiago e Ourense.

En canto ao Eixe Atlántico, a ministra cuantificou en 3.500 millóns de euros o investimento necesario para culminar a obra e en 2.500 millóns o necesario para o subtreito entre A Coruña e Vigo. Neste treito, Álvarez explicou que o 45% xa está en servizo e o resto, en obra. De feito, lembrou que en abril de 2004 só había 11 quilometros en servizo e hoxe supéranse xa os 67.

Volver atras
Imprimir Página