Home  
 
 
 
 
Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, voltará dispoñer dun área de masaxes atendida por profesionais da Fisioterapia. Os membros do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, acompañados por representantes das Escolas Universitarias de Pontevedra e da Coruña, aproveitarán a súa presenza no salón para divulgar o importante papel asistencial que xogan na balneoterapia así coma nos tratamentos recibidos en balnearios, centros de talasoterapia ou spa. Deste xeito os visitantes á 8ª edición do salón internacional poderán recibir unha masaxe gratuíta de mans de profesionais da fisioterapia.
 
 
 
Os fisios galegos implícanse na Termatalia e aproveitarán o salón para divulgar o papel asistencial da balneoterapia
25 de AGOSTO de 2008: OURENSE DIXITAL

Termatalia e o Colexio Oficial de Fisioterapias de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración mutua para potenciar e dar a coñecer as funcións dos Fisioterapeutas nos centros termais, "xa que o traballo deste tipo de profesionais vai máis alá do tratamento de patoloxías reumatolóxicas, traumatolóxicas ou deportivas", sinala a organización de Termatalia.
Deste xeito, todos aqueles que se acheguen ata a oitava edición de Termatalia, que se celebrará en Expourense entre os días 3 e 5 de outubro, poderán recibir unha masaxe completamente gratuíta de mans dun profesional da fisioterapia que, ademais, atenderá as preguntas e consultas que os visitantes queiran formularlle sobre as súas doenzas.
 
A área de masaxes de Termatalia 2008 contará con equipamento e mobiliario de última xeración cedido por Cromo, unha empresa ourensá, ubicada no Polígono de San Cibrao das Viñas, especializada na fabricación e deseño de mobiliario clínico e sanitario.
Cromo será unha máis das empresas provedoras de bens de equipo que expoñerán os seus produtos e servizos na oitava edición da Feira Internacional de Turismo Termal, que está patrocinada pola Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e da que se agarda que sexa visitada por 10.000 persoas.

Volver atras
Imprimir Página