Home  
 
 
 
 
O BNG de Barbadás denuncia a presenza de ratas no contorno da Rúa Dámaso Montes, no núcleo de Barbadás, debido a unha tubería aberta desde hai máis de dous anos. Pese a que do feito xa se deu conta fai tempo no Concello de Barbadás, o goberno municipal segue sen tomar medida de ningún tipo, e o Grupo do BNG advirte dos riscos que supón para as persoas que viven alí, especialmente para os máis cativos.
 
 
 
O BNG sinala que no núcleo de Barbadás campan as ratas por culpa dunha tubería que leva aberta máis de dous anos
14 de AGOSTO de 2008: OURENSE DIXITAL

"Na parroquia de Barbadás, na Canella da Martices, no contorno da Rúa Dámaso Montes hai unha tubería que recolle augas pluviais e que leva desde hai máis de dous anos aberta desde que unha enxurrada obrigou a abrila para desatoala", segundo ven de denunciar o Grupo do BNG neste Concello.
Segundo os nacionalistas, a veciñanza ten observado a presenza de ratas nas proximidades desta tubería, o que supón un perigo para a saúde das persoas que viven no seu contorno, especialmente para as nenas e nenos que xogan e viven polas proximidades.

Subliña o Grupo Municipal do BNG que fai algún tempo xa advertíu desta situación ao grupo de goberno de Barbadás, concretamente o fixo no mes de maio pasado, "sen que se teña tomado nengunha medida e a tubería continúa nas mesmas condicións", sinalan nun comunicado os nacionalistas.
Agora, o BNG de Barbadás ven de solicitar ao grupo de goberno "que termine a canalización das augas pluviais ao longo de toda a Canella da Martices, e que tome as medidas acaídas para erradicar esta praga o antes posíbel".

Volver atras
Imprimir Página