Home  
 
 
 
 
  A Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia rematou as obras de reurbanización do Camiño da Petada que conecta o núcleo de poboación de San Clodio coa praza do mesmo nome no Concello de Leiro. A directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, e o delegado provincial da Consellería en Ourense, Antucho Espinosa, visitaron este martes o espazo rehabilitado cuxas obras supuxeron un investimento de 195.990 euros por parte da Xunta de Galicia.
 
 
Reurbanizado o enlace entre San Clodio e Leiro, cun investimento de case 200.000 euros a cargo de Vivenda e Solo  
13 de AGOSTO de 2008: OURENSE DIXITAL

Rematadas as obras de reurbanización do Camiño da Petada en San Clodio, do Concello de Leiro, a conexión do núcleo coa praza do mesmo nome de Leiro quedou habilitada este xoves coa visita da directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, e o delegado da Consellería de Vivenda e Solo en Ourense, Antucho Espinosa. O orzamento total para a recuperación deste camiño ascendeu a 224.988 €, dos que a Consellería de Vivenda e Solo aportou o 80%, 195.990 € repartidos en dúas anualidades, 30.000 € en 2007 e 165.990 € no 2008, segundo informa o departamento de Teresa Taboas.

As obras de pavimentación e ordenación do Camiño da Petada consistiron na recuperación das cotas orixinais de acceso ás vivendas e adegas, reducindo así a pendente ao seu estado inicial, e a execución dunhas escadas no último tramo que conecta o camiño coa Praza de San Clodio. Tamén se recuperou o pavimento orixinal de rocha onde era posible e no resto empregouse lastro de pedra morena, enlousado de pedra e formigón pulido.
A recuperación deste camiño tamén conlevou a instalación soterrada do subministro eléctrico, telefonía e rede pública de iluminación, instalación do abastecemento de auga e saneamento e nova ferraxería. En canto aos muros que delimitan o camiño, efectuarase unha limpeza completa e renovaranse o rexuntado con materiais acordes.

O Camiño da Petada en San Clodio está vinculado ao comercio do viño e une os núcleos de poboación da zona, foi Camiño Real e algúns autores o sinalan como calzada romana. O conxunto está declarado Ben de Interés Cultural (BIC).

Volver atras
Imprimir Página
 
  Teresa Taboas