Home  
 
 
 
 
  O deputado do BNG Fernando Blanco Parga vén de rexistrar unha iniciativa parlamentar na que se interesa pola cobertura de TDT nos concellos da provincia de Ourense e, en concreto, polos da zona oriental. O deputado nacionalista plantexa na cámara autonómica a cobertura actualmente existente nos 92 concellos da provincia de Ourense, e se todos a terán antes do 3 de xuño do vindeiro ano, 2009.
 
 
O deputado do BNG Fernando Blanco pregunta no Parlamento polas previsións en Ourense do "apagón analóxico" previsto para 2009  
7 de AGOSTO de 2008: OURENSE DIXITAL

Tal e como indica no texto da iniciativa o portavoz en materia de novas tecnoloxías, Fernando Blanco, o Plan Técnico Estatal de Televisión Dixital Terrestre fixaba como obxectivo para finais deste ano 2008, que o sinal chegase ao 90% da poboación e, xa en abril de 2010, o 98% no caso de RTVE e o 95% para o resto.
"Mais, recentemente, o director xeral de Comunicación Audiovisual anunciou que o oriente ourensán sería das primeiras zonas de Galiza onde se culmine a transición á TDT, de tal xeito que o apagamento de emisións analóxicas nesta zona está previsto para o 3 de xuño de 2009", sinala o parlamentar nacionalista, que apunta no caso desta iniciativa que existen dificultades no caso galego "xa que, tal e como se ten indicado tamén desde a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta, as porcentaxes de poboación sen cobertura agrávanse por mor da súa dispersión poboacional, a súa orografía, o seu baixo peso relativo no total da poboación estatal e as dificuldades para o desenvolvemento e estabelecemento de infraestruturas de radiodifusión axeitadas", sinala Fernando Blanco.

Xustamente, para combater esta situación, o Real decreto 944/2005 permite aos concellos, en colaboración coas comunidades autónomas, a instalación de estacións de rede de frecuencia única para a difusión da TDT en zonas de baixa densidade de poboación.
Tamén desde a FEGAMP, en xaneiro de 2007, solicitouse que a Secretaría Xeral de Comunicación incluíse nas súas subvencións a instalación e mantemento dos equipos necesarios para receber a TDT.
Agora, Blanco Parga pregunta ao goberno galego cal é a cobertura dos concellos ourensáns e si mantén a previsión de adiantar o apagamento analóxico en xuño do ano vindeiro.

Volver atras
Imprimir Página