Home  
 
 
 
 

Anxo Quintana

 
  O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou este martes en Allariz por converter aos concellos da Reserva da Biosfera da área de Allariz en exemplos vivos de desenvolvemento rural, rehabilitación arquitectónica, innovación e protección do medio ambiente. Así o manifestou Quintana no decurso dunha rolda de prensa en Allariz na que anunciou a posta en marcha do Plan de Dinamización Turística para a Reserva da Biosfera da área de Allariz, que abarca aos concellos de Allariz, Rairiz de Veiga, A Bola e Vilar de Santos, cuxos rexedores locais participaron tamén no acto público.
 
Noticias Relacionadas
  Innovación e Industria achegará 125.000 euros para o Plan de Dinamización Turística da Reserva da Biosfera da área de Allariz
 
 
Quintana aposta polo modelo da Reserva da Biosfera de  Allariz como "exemplo vivo de desenvolvemento rural"  
30 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL

Segundo explicou o vicepresidente da Xunta, esta iniciativa non só se limita a promover este espazo como destino turístico, senón que tamén se presenta como un “polo de desenvolvemento” co que a Xunta de Galicia pretende converter a estes concellos en exemplo de desenvolvemento rural para o país. Tal como apuntou Quintana, xa se ten iniciado un traballo conxunto entre as consellerías de Vivenda e Solo, Medio Rural, Innovación e Industria e Medio Ambiente para que cada departamento, desde a súa perspectiva, dea novos pasos a prol do desenvolvemento integral dos concellos membros da Reserva da Biosfera da área de Allariz.  

Co traballo xa iniciado, apóstase por esta iniciativa como motor para o desenvolvemento integral dos concellos do rural nas áreas de vivenda, medio rural, innovación e medio ambiente. Así, Quintana lembrou que é precisamente o medio rural o que ten o parque de vivenda máis abandonado de Europa, polo que as actuacións deste programa encamiñaranse a solventar estas deficiencias. Tamén se referiu ao plan como “unha aposta polo medio rural” e pola súa capacidade produtiva, agraria e gandeira, ao tempo que fixo fincapé na necesidade de promover no marco deste plan proxectos industriais sostibles que xeren riqueza e complementen ao sector primario. Ademais, apuntou que, sendo este espazo Reserva da Biosfera, os concellos deben converterse en “exemplo senlleiro de protección medioambiental”. 

Asemade, tal como afirmou o vicepresidente da Xunta, este ambicioso proxecto non pode quedar limitado só aos municipios que forman parte da Reserva da Biosfera, polo que avanzou a intención de que a iniciativa poida tamén aplicarse en concellos limítrofes e en todo o Val do Arnoia, desde Maceda ata A Merca.


Volver atras
Imprimir Página