Home  
 
 
 
 
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, destacou este luns "o respaldo definitivo" por parte dos municipios á Rede Galega de Escolas Infantís Galescola xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que se evidencia no traspaso de 15 novas escolas infantís municipais. Ocorreu ó asinarse este luns en Santiago con 14 alcaldes os convenios para regular a xestión de 15 escolas infantís municipais que pasan a integrarse na Rede Galescola, entre as que se atopan na provincia de Ourense as de Nogueira de Ramuín e Ribadavia. Trátase, segundo Quintana, dunha "adhesión compartida tanto por entidades locais de pequeno tamaño como por concellos de dimensións importantes, sen distincións de cores políticas".
 
 
 
Nogueira de Ramuín e Ribadavia traspasan as súas escolas infantís municipais á Rede Galega da Galescola
29 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL

O vicepresidente Quintana explicou que os novos 15 centros contan con 710 prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos e nelas traballan 109 profesionais.
Con estas novas incorporacións, a Rede pasa a contar con 79 Galescola, preto de 3.900 prazas públicas e 670 traballadores e traballadoras. Destas Galescola, 49 están xa en funcionamento, outras 24 iniciarán a súa actividade entre setembro e decembro e as 6 restantes atópanse en construción. Unhas cifras que continuarán a medrar até acadar o obxectivo comprometido de 85 Galescola para a este ano 2008 e 121 para a lexislatura. 

Quintana resaltou a satisfacción que lle produce a adhesión de concellos importantes á Rede Galescola o que supón unha “renovada aposta dos concellos polo modelo público que defendemos, ao cambiar a súa xestión privada por unha pública”, ao tempo que se produce un importantísimo avance na consolidación institucional do Consorcio e dos seus servizos. O vicepresidente puxo como exemplo ao concello de Oleiros, un pioneiro na promoción destes servizos socioeducativos e da consideración como escolas infantís e non como garderías, subliñou Quintana González.

Por outra banda, as novas adhesións á Rede Galescola certifican, segundo Quintana, que as Galescola acadaron un importante grao de satisfacción tanto nos concellos que contan xa cun destes centros, como entre as familias usuarias. Este grao de satisfacción coas Galescola en funcionamento está a producir un efecto contaxio entre os concellos limítrofes, especialmente nos concellos máis pequenos. Os veciños que aínda non contan cun destes centros ven os servizos que prestan as Galescola do contorno, equiparables en termos de horarios, persoal e proxecto pedagóxico aos que se prestan nas cidades, e queren tamén dispor deses mesmos servizos adicionais, indicou o vicepresidente. “É, por tanto, a demanda veciñal a que está a propiciar, en boa medida, ese efecto contaxio”, dixo Quintana.

Volver atras
Imprimir Página