Home  
 
 
 
 
  Visto o visto, as sentencias que xa pesan sobre o Plan de Urbanismo de 2003 e que o anulan na súa totalidade, o Concello de Ourense aprobou este xoves o expediente de contratación para adxudicar por concurso a redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Ademais apróbase a ocupación directa dos terreos nos que se ubicarán o Centro de Saúde e os equipamentos deportivos de O Vinteún, así como a redacción do Plan Especial do BIC de As Burgas e a obtención das parcelas necesarias para ubicar en Quintela o futuro Centro de Interpretación dos Parques Naturais e a rotonda a construir na Avenida Marcelo Macías.
 
 
Aprobado o expediente de contratación para adxudicar mediante concurso a redacción dun no Plan de Urbanismo de Ourense
25 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou na maña deste xoves o expediente de contratación e os pregos de cláusulas administrativas e técnicas para adxudicar, a través dun concurso, a redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. 
Con este acordo, o Concello pretende superar a inseguridade xurídica que afecta ó desenvolvemento urbanístico da cidade como consecuencia das oito sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anularon o Plan Xeral aprobado polo anterior goberno municipal no ano 2003. 

Así o Concello acomete a elaboración dun novo Plan que regule o desenvolvemento urbanístico da cidade e permita desenvolver os obxectivos estratéxicos definidos polo goberno municipal para os próximos anos e garantice, fundamentalmente, a construción de equipamentos, infraestruturas e servizos que a cidade precisa, que se desenvolverán co apoio das diferentes administracións, ó tempo que evitar as graves consecuencias que suporía unha eventual anulación, con carácter firme, do planeamento de 2003. 
 
Novos equipamentos de O Vinteún

Na mesma sesión, a xunta de goberno local aprobou o expediente de ocupación directa de terreos no barrio de O Vinteún que se destinarán á construcción dun centro de saúde e un equipamento deportivo, na área de reparto 06 a-N “Eiroás 1”.  
O Concello é actualmente titular dunha parcela de 600 metros cadrados neste entorno, que resulta insuficiente ante a necesidade plantexada por parte da Consellería de Sanidade para acometer a edificación do novo Centro de Saúde, xa que precisa alomenos 1.200 metros cadrados para este equipamento sanitario. Ante esta situación, o Concello procedeu a realizar unha modificación puntual do Plan de Urbanismo, xa aprobada, e agora procede á ocupación directa dos terreos precisos tanto para este centro de saúde como para o equipamento deportivo que prevé desenvolver o Concello nesta zona.  
A parcela obxecto de ocupación directa ten unha superficie total de 13.738 metros cadrados, incluida na área de reparto 06-aN do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2003.

Centro de Interpretación dos Parques Naturais

A xunta local deu aprobación definitiva ó proxecto de expropiación dos terreos necesarios para a construcción do Centro de Interpretación de Parques Naturais, que se ubicará en Quintela. Son, en total, 67 parcelas que serán postas a disposición da Consellería de Medio Ambiente para a construcción deste equipamento de divulgación medioambiental.  
Con esta finalidade, nos próximos días procederase á sinatura do convenio de colaboración entre o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellería de Medio Ambiente para a construcción deste equipamento, para o que o Concello achega os terreos. 

Rotonda de Marcelo Macías

A xunta local aprobou tamén a posta a disposición da Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia dunha parcela de 275 metros cadrados, sita na rúa Marcelo Macías número 142, necesaria para acometer as obras de reordenación dos enlaces entre as estradas OU 540 e N- 525 e a súa conexión co viario municipal, coa construcción dunha glorieta.  
As obras serán realizadas pola Consellería de Política Territorial en desenvolvemento do convenio de colaboración asinado co Concello de Ourense para a realización de diferentes actuacións de mellora en estradas autonómicas que discurren pola cidade.
 
Plan Especial de As Burgas

Tamén nesta xuntanza, procedeuse á adxudicación da redacción do Plan Especial de Protección do Conxunto das Fontes Termais de As Burgas e o seu contorno delimitado (Declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de sitio histórico). Os traballos serán realizados por Vázquez-Calatayud Arquitectos, por un importe de 83.694 euros.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página