Home  
 
 
 
 
  O Tenente Alcalde, Alexandre Sánchez Vidal, visitou este martes as excavacións arqueolóxicas situadas nas Burgas, no inmoble anexo ao complexo que no futuro acollerá  o Centro Termal Arqueolóxico de Ourense. Con estas labores previas  a Tenencia de Alcaldía asegúrase de que na execución do proxecto do arquitecto César Portela se preserve ó máximo o Ourense Romano, buscando pór en valor o patrimonio arqueolóxico da zona, sinalou o tenente de alcalde, Alex Sánchez Vidal.
 
 
Comeza o proxecto de rehabilitación das Burgas coas primeiras excavacións, e en setembro empezará a construirse a piscina termal
23 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Estas excavacións son o primeiro paso para o futuro que a Tenencia da Alcaldía prevé para o complexo hidrotermal  das Burgas, un proxecto “emblemático” para o goberno de Sánchez Vidal.  As accións buscan facer das Burgas “un espazo de referencia na cidade” e contan cun orzamento de 9.300.000 euros. A sua  primeira fase está dotada de  tres millóns euros, unha cifra da que xa dispón a Tenencia, e iniciouse con estas excavacións. Prolongaránse cinco meses e supuxeron un investimento de 800.000 euros.   
Os pasos seguintes chegarán no mes de  setembro coa construción dunha piscina termal na Burga de Arriba. Ademais, acometeráse o acondicionamento e axardinado da zona, a instalación dun mirador e da escaleira Calpurnia Habana, así como  a peonalización da rúa das Burgas. Agárdase que as obras estén rematadas en febreiro do 2009.

En canto á segunda fase, contémplase o trazado dun bulevar que enlace o complexo coa rúa do Baño e outro coa Praza das Ferrerías. A Tenencia xa conta cun millón de euros para estas obras, e está a negociar con empresas privadas para que a explotación comercial do Centro Termal sexa en réxime de concesión. O edificio resultante terá unha extensión de 5413 metros cadrados, e acollerá termas (435 m2) e un espazo para exposicións arqueolóxicas (2178m2). 

Sánchez Vidal salientou este martes o tempo récord en que se definiu e acadou financiación para o proxecto e referiuse a el coma “un regalo que tódolos ourensáns merecemos”.  “É unha obriga para nós coma ourensáns” – declarou - “que o estado de degradación no que se atopaban as Burgas mude radicalmente. Eu hoxe síntome plenamente orgulloso de que entre todos empecemos a facer o que se tiña que ter feito en moito tempo”.  
 
Xacemento único na Península

En canto o valor arqueolóxico das excavacións, o seu arqueólogo director, Celso Rodríguez Cao,  non dubidou en afirmar de que trata “dun xacemento único na Península Ibérica”.  Os primeiros sondaxes feitos descubriron restos  pertencentes ó século I, na época da dinastía Flavia e que situan o Ourense máis antergo.  
Tanto Rodríguez Cao como o arqueólogo municipal, Jose María Eguileta, concordaron en que nas Burgas atópanse unha secuencia de usos que vai dende o Paleolítico ós nosos días. Xa os pobos prerrománicos coñecían o valor destas augas termais e coa romanización chegaría a súa explotación para usos sanitarios e de lecer.  

Así mesmo, os achádegos botan luz tamén sobre o Ourense medieval, sitúando as Burgas ás aforas da cidade. A este respecto, os responsables das excavacións, que se desenvolverán en colaboración coas Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, teñen as máximas espectativas postas nestes labores.  

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página