Home  
 
 
 
 
  A organización ecoloxista cree que o anteproxecto de lei, que en vindeiras datas entrará en tramitación parlamentaria, non se axusta a un modelo normativo de xestión forestal sostible axeitado para Galicia, polo que tacha a futura de Lei de Montes de Galicia de "insostible". De feito, sinala Amigos da Terra, o colectivo ecoloxista rexeitou o proxecto que se lles presentou ás principais organizacións ecoloxistas galegas, no trascurso do Consello Forestal que tivo lugar o pasado xoves.
 
 
Amigos da Terra considera a futura Lei de Montes de Galicia un exemplo de "política forestal insostible"  
23 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL
 

O xoves pasado convocouse o Consello Forestal no que se procedeu á presentación oficial do contido da futura Lei de Montes de Galicia. Amigos da Terra asegura que xa entón mostrou o seu rexeitamento a dito contido, "por entender que este carece de aspectos fundamentais á hora de ofrecer unha norma que integre a ecoloxía e o factor económico do monte como unha dualidade compatible e equilibrada".
A asociación ecoloxista sinalou algunha das eivas, non só no propio contido do texto, senon tamén á hora do proceso de elaboración do mesmo. Un exemplo delo foi a metodoloxía “participativa” empregada pola Consellería do Medio Rural, xa que, "tendo en conta que a participación pública é unha das máis importantes condicións para todo programa forestal xa que garante unha política forestal consensuada entre os axentes sociais implicados no medio forestal, non respondeu a dita metodoloxía, as reunións bilaterias que ao longo do proceso a administración deu por chamar participativo", sinala a organización ecoloxista.

Por outro lado, Amigos da Terra considera que a lei debera ser o resultado final dunha serie de documentos previos fundamentais como a estratexia forestal e o plan forestal de Galicia que van precisamente a marcar as pautas económicas, sociais e medioambientais da lei buscando un equilibrio e integración destes tres eidos para asegurar o alcance do desenvolvemento sostible no medio forestal, tal e como se defendeu en 1993 na Conferencia de Helsinki.
"A lei arroxa unha visión excesivamente productivista do monte e a multifuncionalidade da lei, como principio inspirador da mesma, merma a sostibilidade medioambiental como valor fundamental para preservar os recursos dos ecosistemas forestais e a biodiversidade", conclúe Amigos da Terra.

A organización ecoloxista esixe, polo tanto, a non aprobación do contido do texto ata que se vexan incluidos aspectos relativos á sustentabilidade dos espazos e ecosistemas forestais e á conservación da natureza.


Volver atras
Imprimir Página