Home  
 
 
 
 
  En Ourense este luns, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, felicitou a todos os grupos políticos galegos pola aprobación por unanimidade da proposición non de lei que demanda do goberno do Estado unha modificación urxente da Lei Electoral que lles permita aos emigrantes votar en urna e que este voto, tanto directo como por correo, cumpra coas mesmas garantías democráticas que en Galiza.  Nas súas declaracións, o vicepresidente Quintana salientou a importancia deste acordo no Parlamento galego e afirmou que agora é o momento de trasladar esta cuestión a Madrid, pero mantendo a mesma unanimidade acadada aquí, demostrando así que as forzas políticas galegas “son maduras, responsables e coherentes, e din o mesmo aquí que en Madrid”.
 
 
Quintana traslada a Zapatero a presión da modificación a tempo para que os emigrantes poidan votar en urna  
15 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL

Para Anxo Quintana esta postura común é clave para un tema de vital importancia dentro da transparencia democrática de todo Estado de dereito, como o é o voto emigrante. Por iso, instou ás tres forzas políticas galegas a defender en Madrid o mesmo que xa se ten aprobado en Galiza. Coa reforma da Lei Electoral o que se pretende é rematar cunha situación que Quintana tachou de “escándalo antidemocrático.  
Segundo explicou Anxo Quintana, "aínda se está a tempo de realizar todos os trámites para reformar a Lei Electoral e acadar así que os emigrantes poidan votar en urnas nas vindeiras eleccións autonómicas".

Isto sería posible sempre que o Goberno do Estado presentase, a máis tardar en setembro, unha proposta de lei para proceder a esta modificación. “Temos tempo de sobra, pero é necesario que o goberno do Estado teña vontade política de facelo. Depende da vontade de Zapatero”, afirmou Anxo Quintana, quen instou ao presidente do Goberno a ter en conta o acordo unánime das forzas políticas de Galiza e comezar así a reforma desta lei.
Neste senso, animou a trasladar o acordo unánime do Parlamento galego a Madrid deixando de lado os cálculos electorais e manifestou o seu convencemento de que se as tres forzas políticas galegas manteñen en Madrid a mesma postura que en Galiza “o señor Zapatero e o seu Goberno terán que levar a cabo a reforma da lei”. 

“Espero que Zapatero actúe dunha vez por todas, que faga caso e que modifique a lei para que os emigrantes galegos poidan votar en urna nas vindeiras eleccións, non facelo sería ir en contra dos galegos e galegas, da vontade de todas as forzas políticas e en contra da transparencia democrática”, aseverou o vicepresidente da Xunta.   


Volver atras
Imprimir Página
 
  Anxo Quintana