Home  
 
 
 
 

Alfredo Suárez Canal

 
  Un acordo suscrito por Medio Rural e as organizacións sindicais CIG e UGT  polo que se regula o traballo dos conductores e os mecanicos do servizo contra incendios forestais, permite a Medio Rural afirmar que se mellora o apoio loxístico do dispositivo de Prevención e Defensa contra incendios neste verán. O acordo contempla "maior dispoñibilidade durante a tempada de alto risco e a organización de quendas de libranza para garantir a presenza física ininterrompida, entre outros, segundo aprobou o Consello da Xunta". Entre as novidades figura a distribución e achega de material de apoio e aprovisionamento aos participantes en labores de extinción de incendios.
 
 
Medio Rural di que un acordo con CIG e UGT permitirá mellorar o apoio loxístico para a extinción de incendios forestais  
4 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL

A Consellaría do Medio Rural anuncia que asinou un acordo coas organizacións sindicais CIG e UGT sobre as condicións de traballo do persoal laboral pertencente ás categorías de encargados de equipamentos mecánicos, oficiais 1ª condutores e oficiais mecánicos dos Servizos provinciais de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta.
Este acordo, segundo a Consellería de Medio Rural, "permite manter durante o período de perigo alto un dispositivo de persoal mecánico e de apoio loxístico ás brigadas durante as 24 horas do día, os 7 días á semana, de forma continuada". Con isto, "vaise contribuír a unha mellor atención do servizo de emerxencias contra incendios forestais", sinala o departamento de Suárez Canal.

A prestación de servizos dos encargados de equipamentos mecánicos inclúe, entre outras, a coordinación cos distritos forestais de todas as actividades referentes ao mantemento dos vehículos, a coordinación dos traballos nos talleres e velar polo bo uso, mantemento e funcionamento operativo das instalacións do taller para atender calquera emerxencia ao longo de todo o período de alto risco.

Por parte dos oficiais de 1ª condutores a prestación de servizos inclúe o control e mantemento do almacén provincial e dos almacéns de distrito forestal, a distribución dos EPIs e demais roupa de traballo aos membros das brigadas e distribuír e achegar material de apoio e aprovisionamento aos participantes en labores de extinción de incendios. Os condutores encargaranse tamén da coordinación do parque móbil dos distritos forestais e da montaxe e desmontaxe de equipamentos de comunicación móbiles, entre outros.

Os servizos prestados polo persoal ao que se refire o acordo serán de reparación e mantemento de vehículos como de calquera máquina ou motor adscrito á Consellaría, tanto no taller como fóra del cando se precise, así como a montaxe e desmontaxe de equipamentos de comunicación móbiles.

O período extraordinario de prestación de servizos abranguerá os meses de xullo, agosto e setembro e outro máis, se fose o caso, a determinar pola Dirección Xeral de Montes e Inudstrias Forestais.

A xornada de garda, que se realizará de luns a sábado, consistirá nunha quenda de 24 horas distribuída entre tempos determinados de presenza física e localizable, mentres que os domingos a xornada de garda será unha xornada de 24 horas localizable. Logo da xornada de garda gozarase de 24 horas consecutivas de descanso.


Volver atras
Imprimir Página