Home  
 
 
 
 

Lorenzo F. Prieto, comisario da Exposición

 
  Achegar ao espectador á especificidade histórica e identitaria de Galiza a través dun percorrido pola historia do país dende as súas orixes ata 1936 é a proposta da exposición Nazón de Breogán, un xeito de soñar Galicia, que pode verse ata mediados deste mes de xullo se poderá ver na Casa da Cultura de Ribadavia. A mostra, que xa pasou en xaneiro por O Carballiño, abriu este luns as súas portas cun acto de inauguración no que participou o secretario xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez Lema. 
 
 
A exposición Nazón de Breogán atópase dende este luns en Ribadavia
3 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

A través de grandes paneis gráficos, esta mostra axuda a coñecer máis o noso pasado, para entender mellor o presente e para saber cara onde queremos camiñar no futuro. A exposición concíbese, así mesmo, coma unha homenaxe a todos aqueles galeguistas que traballaron polo autogoberno do país, achegando ademais ao espectador a unha realidade histórica moitas veces descoñecida, marcada pola cultura castrexa, o Reino de Galiza, ou personaxes coma Prisciliano, Xelmírez, Murguía ou Antón Vilar Ponte. 

A mostra Nazón de Breogán, un xeito de soñar Galiza presenta a historia de Galiza non como a historia dos submisos, senón a historia dun pobo cos seus propios anhelos e aspiracións. A exposición amosa o desexo dun pobo de acadar un maior autogoberno que permita afrontar os desafíos e aproveitar as oportunidades que se presentan. É unha iniciativa para fortalecer a autoestima colectiva e é tamén unha oportunidade para o autocoñecemento colectivo, como paso previo ao respecto e ao orgullo polo propio.  

Éxito da mostra

A mostra que se pode ver dende este mércores en Ribadavia é unha versión en pequeno formato da exposición de gran tamaño que percorre as principais vilas galegas e que foi deseñada pola gran acollida de público que esta estaba a ter. En total, máis de 84.000 persoas visitaron, dende xuño de 2006, a exposición Nazón de Breogán nos máis de 50 concellos que percorreu ata o de agora, tanto a mostra en gran formato que está pasando polas grandes cidades e vilas como a de menor formato, que se achega a municipios e vilas máis pequenas, como a que hoxe se abre en Ribadavia. 

A primeira versión a gran formato, que está a pasar polas grandes cidades galegas, inaugurouse en xuño de 2006 en Santiago de Compostela como actividade enmarcada na conmemoración do 70 aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936. A gran acollida de público desta exposición de Nazón de Breogán fixo que a Vicepresidencia deseñase unha segunda versión, como a que se inaugura hoxe en Ribadavia, adaptada a espazos máis reducidos e que pretende achegarse a todos os concellos galegos que o soliciten. A segunda versión desta mostra inaugurou o seu periplo en Sargadelos (Cervo), e pasou xa por 45 localidades galegas onde foi visitada por máis de 22.000 persoas. 

 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital