Home  
 
 
 
 
  Nesta mesma semana prevese que comecen os traballo de repintado de Pena Trevinca e na vindeira xa entrarán en vigor os cambios previstos para varias rúas do barrio de San Francisco. Pena Trevinca gañará un carril en sentido ascendente, e prohibirase facer o xiro a esquerda segundo se baixa a rúa Monte Medo. Tamén se anuncian cambios no barrio de A Ponte, concretamente á altura da rúa Río Arenteiro. O tramo que vai dende a Avenida de Santiago a Río Támega será de sentido único en dirección á Río Sil.
 
 
Anúncianse cambios de tráfico: Pena Trevinca gaña un carril e modifícanse as direccións de Monte Medo, Coto Novelle e Río Arenteiro  
2 de XULLO de 2008: OURENSE DIXITAL

A tenencia da alcaldía do concello de Ourense, a través da concellería de Seguridade e Tráfico, anuncia que co fin de mellorar a circulación viaria na cidade vai proceder a acometer varios cambios de dirección en diferentes rúas da cidade. Ademais, procederá a efectuar o repintado do pavimento de varios viais. Todos estes cambios prodúcense a partir dun estudo do departamento de Tráfico e da Policía Local.

A rúa Pena Trevinca gañará un carril en sentido de subida (dirección ao auditorio) e quedará prohibido facer o xiro na baixada para acceder de xeito directo á rúa Monte Medo. As alternativas para acceder a Monte Medo baixando Pena Trevinca (dirección á estación de San Francisco) serán entrar por Emilia Pardo Bazán, rodeando Pena Corneira ou accedendo por Serra de Queixa.
Ademais, a rúa Coto Novelle será de sentido único de subida entrando por Pena Trevinca, e na propia rúa Pena Trevinca habilitarase unha nova zona de carga e descarga entre as rúas Serra de Queixa e Monte Medo, xa que na actualidade os camións de reparto tiñan que situarse en dupla ringleira entorpecendo a circulación.
O departamento de Tráfico da Policía Local confía en que todos estes cambios contribuirán a mellorar a circulación dunha das arterias que máis tránsito soporta de Ourense.

O repintado de Pena Trevinca comezará esta semana e os cambios na circulación poranse en marcha a partir da vindeira. O pintado do asfalto incluirá un pequeno carril de entrada dende a rúa Pena Trevinca para acceder á zona histórica á altura da rúa Pena Corneira.

Cambios en Río Arenteiro

Ademais dos sinalados cambios no centro da cidade, outra das zonas nas que se producirán modificacións no sentido de circulación será a Ponte, á altura da rúa Río Arenteiro. O tramo comprendido entre a avenida de Santiago e Río Támega será de sentido único en dirección a Río Sil.
O cambio débese a que até agora o duplo sentido dificultaba a circulación e impedía aparcar na propia rúa. Con esta decisión conseguiranse dez prazas de aparcamento en superficie e ademais mellorarase o tránsito nunha das arterias principais da Ponte como é a Avenida de Santiago.
A modificación está ademais xustificada xa que a rúa paralela a Río Arenteiro, que é a de Río Bibei vai en sentido contrario en dirección á avenida de Santiago, mentres que río Arenteiro quedaría dirección a río Sil.

Volver atras
Imprimir Página