Home  
 
 
 
 
O Consello da Xunta deste xoves ven de aprobar o decreto que declara Pena Trevinca ZEPA, Zona de Especial Protección de Aves, mentras se anuncia que a de A Limia chegará co vindeiro outono segundo as previsións da Consellería de Medio Ambiente. A Xunta recorda que con estas decisións está a cumprir a metade da sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo que obriga a Galicia a declarar dúas novas Zepas. Deste xeito Galicia contará con 14 destas zonas, tendo a de Pena Trevinca unha superficie de 22.510 hectáreas pertencentes aos municipios ourensáns de Carballeda de Valdeorras, A Veiga e Viana do Bolo.
 
 
 
O Consello da Xunta aprobou o decreto da ZEPA de Pena Trevinca e anuncia o de A Limia para o vindeiro outono
20 de JUNIO de 2008: OURENSE DIXITAL

O Consello da Xunta deu hoxe o visto bo ao decreto para a declaración da Zona de Especial Protección de Aves, ZEPA, no espazo natural de Pena Trevinca. Esta declaración suporá o cumprimento do 50% da sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo que obriga a Galicia a declarar dúas novas Zepas – Pena Trevinca e A Limia-, e ampliar así as zonas de protección de aves, ao igual que a outras comunidades autónomas como Andalucía, Baleares, Canarias, Castilla la Mancha, Cataluña e Valencia, sinala a Xunta de Galicia. Ao tempo que recorda que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea obriga ao Goberno Galego á declaración de dúas novas zonas de protección de aves, en Pena Trevinca e A Limia, ambos na provincia de Ourense.
Engádese ademais a resultas do Consello da Xunta deste xoves, que "as previsións da Consellería de Medio Ambiente neste senso apuntan a que a aprobación da ZEPA da Limia será efectiva no vindeiro outono, de xeito que neste ano Galicia cumpriría a sentenza na súa totalidade".

A Zepa de Pena Trevinca sumarase á rede de zonas de protección de aves en Galicia, que na actualidade está composta por 14 lugares que abarcan unha superficie total de 71.579 hectáreas.
No caso de Pena Trevinca, a zona de protección contará cunha superficie de 22.510 hectáreas pertencentes aos concellos de Carballeda de Valdeorras, A Veiga e Viana do Bolo, nunha zona de alta montaña que constitúe un macizo montañoso rodeado de vales, que corresponde a un dos mellores ecosistemas subalpinos de Galicia.
Segundo reflicte o acordo, a presenza de aves na zona está caracterizada por unha interesante poboación de perdiz charrela, así como doutras especies como a gatafornela, o falcón peregrino, a papuxa do mato ou o bufo real. Conta tamén con áreas de nidificación e campeo de repinas como a aguia real, a aguia albela, o miñato abelleiro, o millafre negro e a tartaraña cincenta, entre outras,  e de aves invernantes como o esmerillón.

Volver atras
Imprimir Página