Home  
 
 
 
 
  O Xulgado do Social nº 1 de Ferrol, neste caso, ven de declarar probado que 4 traballadores fixos descontinuos da provincia da Coruña foran discriminados por non adherirse ao pacto de eficacia limitada asinado pola Consellería do Medio Rural coas centrais sindicais UGT e CIG o 14 de xullo de 2006, que posteriormente foi declarado nulo e ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en primeira instancia. Trátase doutra sentencia favorable aos traballadores do lume que non asinaron aquel acordo de eficacia limitada, e contrario aos intereses da Consellería de Medio Rural.
 
 
Outra sentencia dalle a razón aos traballadores do lume que non sucribiron o chamado "acordo de eficacia limitada" de Medio Rural
16 de XUÑO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O Xulgado do Social nº 1 de Ferrol establece que a discriminación sufrida por estes traballadores, que por non adherirse a ese acordo foron chamados a traballar 43 días máis tarde que o persoal adherido, constitúe unha violación do artigo 14 da Constitución, que consagra como dereito fundamental de todos os españois a igualdade ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
Na Sentencia, o Xulgado do Social nº 1 de Ferrol advírtelle así mesmo á Consellería do Medio Rural, que o chamamento do persoal fixo descontinuo non pode quedar ao arbitrio da aceptación ou non de un acordo, senón que debe ser conforme ao ciclo descontinuo no que as necesidades da súa contratación así o esixa, de xeito que, si esas necesidades esixiron para uns o seu chamamento o día 5 de febreiro de 2007, non pode considerarse que polo mero feito de non subscribir un acordo, estes traballadores teñan que ser chamados nunha data distinta.

Por todo iso, o Xulgado do Social nº 1 de Ferrol declara o dereito dos traballadores ao reinicio da súa actividade laboral con efectos de 5 de febreiro de 2007, e non dende o 20 de marzo, coas consecuencias legais e económicas inherentes a tal declaración, que engloban o pago de salarios, cotizacións á Seguridade Social e antigüidade na empresa, polo menos.

Coñecida esta nova sentencia, dende Comisións Obreiras vólvese a falar de "obcecación a conducta ilegal da Consellería do Medio Rural", ao tempo que o sindicato lamenta que "se estén a empregar os cartos de todos os galegos e galegas en dilatar indebidamente a reparación e recoñecemento dos danos causados aos traballadores fixos descontinuos do SPDCIF".

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página