Home  
 
 
 
 
O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, anunciou que esixirá nas Cortes ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño que no reparto das axudas da OCM do Viño “se teña en conta a viticultura de montaña en forte pendente como é a da Ribeira Sacra”.O compromiso de Pérez Bouza tivo lugar tras manter unha xuntanza co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez González.
 
 
 
Pérez Bouza plantexará que no reparto das axudas da OCM se teñan en conta as peculiariadades de zonas como A Ribeira Sacra
4 de XUÑO de 2008: OURENSE DIXITAL

Senador e presidente do Consello Regulador "Ribeira Sacra" salientaron o “elevado grao de coincidencia, tanto co sector como coa Consellaría de Medio Rural”. Pérez Bouza advertiu “da tentación do Goberno Central de primar no reparto das axudas ás grandes superficies vitivinícolas da Mancha e do Sur, marxinando á viticultura galega  que aposta máis pola calidade que pola cantidade e que está amparada nas Denominacións de Orixe”.
Neste sentido, subliñou que o BNG traballará no Congreso para que no reparto de fondos que faga o Ministerio Galiza “reciba cando menos entre o 6 e o 7% dos fondos” que a UE destina ao Estado Español pola reforma da OCM do Viño, e que só para o 2009 representan máis de 213 millóns de euros. Asegurou que “non se pode volver a repetir o reparto da última OCM do Viño onde, a pesar de ter unha ministra de agricultura que se di galega, Galiza só recibiu o 1% das axudas”.

Para conseguir un reparto que responda ás peculiaridades da viticultura galega, o senador nacionalista explicou que o BNG proporá como criterios de reparto que se teña en conta a función social da viticultura, que se apoie á viticultura de montaña en forte pendente, como é a da Ribeira Sacra, e onde Galiza ten o 100% da superficie do Estado Español.
Tamén demandará, sinalou Pérez Bouza, que o Ministerio habilite partidas específicas para a promoción dos viños na Unión Europea e dentro do Estado e que o Ministerio de Agricultura adíe a liberalización total dos dereitos de plantación até o ano 2018, data límite que permite a OCM do Viño.

Por último, Xosé Manuel Pérez Bouza anunciou que o BNG tamén lle demandará ao Goberno Central que as variedades de viño galegas (albariño, mencía, godello, sousón, treixadura....) “teñan unha protección e só poidan ser utilizadas polas Denominacións de Orixe”. “Trátase de evitar -engadiu- que vexamos albariño ou mencía como viño de mesa a prezos irrisorios en calquera grande superficie”.

Volver atras
Imprimir Página