Home  
 
 
 
 
Sorprendido, como mínimo, tivo que quedar este mércores o senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, cando o ministro de Industria, Turismo y Comercio, Miguel Sebastián, espetou na Cámara Alta que o 99% do rural galego dispón de internet de banda ancha. Segundo o ministro, Telefónica "está cumprindo" as condicións que lle marcou o Goberno de España a estes efectos.
 
JOSE CERDEIRA 
  Xosé Manuel Pérez Bouza
 
 
 
Miguel Sebastián
 
O ministro de Industria di que o 99% do rural galego conta con internet de banda ancha e que Telefónica cumpre
29 de MAIO de 2008: OURENSE DIXITAL

O ministro de Industria, Turismo y Comercio, Miguel Sebastián, aseguroulle ao senador do BNG por designación autonómica, o ourensán Xosé Manuel Pérez Bouza, que no 99% do rural galego hai Internet de banda ancha. O senador asegura que esto "irreal".

O ministro sinalou, ademais, que Telefónica "está cumprindo as tres condicións que marcamos: cobertura en todolos núcleos de poboación de Galiza, chegando como mínimo ao 90% da poboación, e cumprir as condicións de prezos e de técnicas marcadas".
Neste sentido, dixo o ministro Sebastián que "dos 28.806 núcleos de poboación galegos incluídos no Plan PEBA, no 99,8% cumpriuse o obxectivo, achegando a cobertura de internet de banda ancha a 313 municipios e a 1,2 millóns de habitantes, o que supón o 99,4 % da poboación".
Engadiu ademais que se abrirá unha nova convocatoria –Fase III do PEBA-  para 1.908 núcleos de zonas diseminadas, e concluíu o ministro asegurando que "o Estado Español é o país da Unión Europea con máis cobertura de internet no medio rural".
 
O senador do BNG non pensa así, califica o "triunfalismo" do ministro de producir unha situación "irreal" en Galicia, e asegura que "en moitos núcleos de poboación que se consideran cubertos, unha parte importante da poboación non ten acceso á banda ancha, que é máis cara e de calidade inferior que nas zonas urbanas". É unha situación, di o senador nacionalista, "que pode contrastar calquera cidadán intentando contratar acceso a internet no rural". 
Para o senador do BNG a resposta do Ministro de Industria "ten un ton triunfalista que non se corresponde coa realidade, xa que Telefónica non cumpre ningunha das tres condicións marcadas no Plan PEBA".

Así, lembroulle Pérez Bouza ao ministro que "Telefónica considera que un núcleo de poboación está cuberto cando en realidade trátase dunha cobertura parcial, co que arredor do 20% da poboación destes núcleos segue sen posibilidades de acceder á banda larga".
Denunciou tamén que "a calidade do servizo que se ofrece é inferior á das áreas urbanas e a custo maior para os usuarios". Así, os servizos de ADSL rural permiten un ancho de banda de só 512 kb , mentres que o WIMAX e Satélite só de 256 kb.
Ademais, lembrou que os clientes do servizo ofertado a través do PEBA non teñen posibilidades, en moitos casos, de contratar outros servizos, como pode ser o DUO, que son en gran medida tractores da extensión do uso da banda ancha.

O senador nacionalista reiterou que o Goberno debe ser quen de obrigar á Telefónica a cumprir coas condicións establecidas: "acceso á banda ancha en todos os núcleos incluídos no Plan PEBA, cun ancho de banda non inferior a 1 Mb, cun prezo non superior a 40€ mensuais, e que permita contratar servizos como o DUO", concluíu o senador do BNG.

Volver atras
Imprimir Página