Home  
 
 
 
 

Outariz

 
  O Parlamento deulle o visto bo á proposición non de lei do BNG que insta a declarar Ourense como capital Termal de Galiza e facilitar investimentos económicos que apoien esta iniciativa, asi como favorecer a difusión dos recursos termais.  A deputada nacionalista Tereixa Paz foi a encargada de defender a iniciativa, e salientou na súa intervención as “grandes potencialidades” que presenta a cidade das Burgas. O texto aprobado insta ao Goberno Galego a “facilitar os investimentos públicos e o seu apoio aos programas e proxectos que, en execución do Plan estratéxico do termalismo de Ourense, se presenten ante outras administracións”.
 
 
O Parlamento de Galicia declara a Ourense "Capital Termal de Galiza" por unanimidade de tódolos grupos
15 de MAIO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Ourense é dende este mércores "Capital Termal de Galiza". Así o aprobou o Parlamento de Galicia coa unanimidade de tódolos grupos da cámara autonómica. A proposta do BNG defendeuna a parlamentaria ourensá, ex-concelleira do BNG de Barbadás, Tereixa Paz, quen apuntou que das surxencias que se atopan na vila saen catro millóns de litros de auga ao día, ao tempo que os expertos falan da posibilidade de que cheguen a ter 8 millóns de litros de auga diarios.
Tereixa Paz afondou na riqueza neste eido da capital ourensá, xa que logo “a segunda cidade europea en capacidade termal, só superada por Budapest en caudal”, polo que insistíu nas súas posibilidades de “situarse á altura dos grandes destinos termais en Europa”.
A portavoz nacionalista iniciou a súa intervención aportando algunhas cifras que ilustran a importancia do sector termal que creceu no noso país nos últimos anos do 1% do turismo que recibíamos en 2003 ao 7% en 2005.
Asemade, o gasto por turista que utiliza instalacións termais é de 120,5 euros por día, fronte aos 79,5 do turista que non acude a elas. Dos 90 establecementos termais do estado, 21 está no noso país, o que supón o 23% do total da oferta. Estes establecementos acumulan 2.663 prazas e crean 1.200 empregos directos e 4.000 indirectos, de tal xeito que incide directamente como factor de reequilibrio económico, social e demográfico.

Proposta integradora

A parlamentar destacou tamén a forte aposta que se está a levar adiante, cunha innovación das infraestruturas do sector e coa aprobación hai seis meses por parte do concello do Plan Estratéxico de Termalismo que recolle actuacións por valor de 262 millóns de euros para desenvolver o termalismo.

Tereixa Paz dixo que a proposta do BNG “é integradora, para que, traballando con perspectiva do país, se creen as sinerxias necesarias para crear emprego e desenvolver o sector”.
“Polos seus recursos”, apuntou, “Ourense pode ser o referente nacional no desenvolvemento do termalismo”, indicou, ao tempo que mencionou “elementos clave como a Tecnópole ous as equipas de traballo da Universidade de Vigo, no seu campus de Ourense, que facilitarán o camiño da innovación e a mellora da formación”.

Texto aprobado

O texto aprobado finalmente, foi transacionado co PP e PSOE e amosa o apoio do Parlamento Galego á declaración de Ourense como “Capital Termal de Galiza” co fin de impulsar “o coñecemento e posta en valor dos seus recursos termais, os do conxunto do país e nomeadamente os do interior galego”.

Asemade, segundo o texto aprobado, o Parlamento insta ao Goberno Galego a “facilitar os investimentos públicos e o seu apoio aos programas e proxectos que, en execución do Plan estratéxico do termalismo de Ourense, se presenten ante outras administracións, nomeadamente a Unión Europea e a aqueles proxectos solventes e viábeis que redunden no desenvolvemento do sector en Galiza”.

Finalmente, o terceiro ponto da resolución aprobada pede que se favoreza a difusión e presenza dos recursos termais en aquelas feiras, exposicións e congresos que se desenvolvan desde a Xunta.

Para Sánchez Vidal, "trátase dun momento histórico para a nosa cidade"

A moción foi aprobada en presenza do tenente alcalde, Alexandre Sánchez Vidal, da concelleira de Termalismo, Marta Arribas, e do portavoz do BNG de Ourense e concelleiro de Infraestruturas, Andrés García Mata. Por parte do PP da cidade estaban presentes Aurelio Gómez Villar e Marta Rodríguez Vispo.
O tenente alcalde sinalou ao remate da sesión “que se trata dunha ocasión histórica para Ourense xa que antes ningunha moción municipal tivera esta repercusión”. Ademais, sinalou que a aprobación suporá “un salto cualitativo e cuantitativo no desenvolvemento do termalismo ourensán xa que a partir de agora se conta co apoio oficial do Parlamento e do Goberno galego. Ourense poderá aproveitar mellor os seus recursos termais e pensamos converternos nunha potencia no sector a nivel europeo co desenvolvemento de proxectos tan importantes como o do conxunto da antiga cadea provincial e da zona das Burgas, así como a acometida de proxectos importantes na zona do río”.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital