Home  
 
 
 
 

Alfredo Suárez Canal

 
  O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, solicitoulle a Ministra de Agricultura no transcurso dunda reunión, que se manteña a mesma colaboración que en anos anteriores en canto ao despregue de medios aéreos do Estado en Galiza, co reforzo dun helicóptero de alta capacidade de descarga, modelo Kamov, durante a época de máximo risco.
Así mesmo, pediu que se axilice o reparto das preto de 300.000 toneladas de cota láctea que forman parte da Reserva Estatal, de forma gratuíta e conforme a criterios sociais, e que a distribución de fondos para o sector do viño beneficie especialmente as denominacións de orixe e as zonas desfavorecidas.
 
 
Suárez Canal plantexa a Elena Espinosa que Madrid manteña os medios aéreos da loita contra incendios de anos pasados
14 de MAIO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, mantivo en Madrid un primeiro contacto coa titular do novo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, logo da reestruturación deste gabinete e da asunción das competencias en materia forestal. Na reunión, Suárez Canal trasladoulle as necesidades máis urxentes en materia agraria e forestal, como é o caso da xestión da prevención e loita contra os incendios forestais, o reparto de fondos para o sector vitivinícola, a situación do sector lácteo e a execución de infraestruturas agrarias e das obras de modernización de regadíos.

En concreto, no tema da loita contra incendios, Suárez Canal solicitoulle á ministra que se manteña a mesma colaboración que en anos anteriores en canto ao despregue dos medios aéreos do Estado en Galiza, é dicir, que durante a precampaña se incorpore un avión anfibio, modelo "Canadair", no aeroporto de Lavacolla, e que o terceiro destes avións que presta o seu servizo na época de máximo risco o faga a partir do 1 de agosto. A maiores, o conselleiro pediu que o helicóptero de alta capacidade de descarga, modelo KAMOV, que outros anos tiña a súa base fóra de Galiza, se traslade ao noso País a partir do mes de xullo. No tocante aos criterios de reparto dos fondos para a xestión da biomasa residual, a Consellería considera que deberían aplicarse os mesmos parámetros que no ano 2006 e que permitían valorizar acaídamente este recurso.

Outro dos temas de relevancia que se abordou nesta entrevista foi a situación do sector lácteo. O conselleiro insistiu na necesidade de repartir canto antes as preto de 300.000 toneladas de cota procedentes da Reserva Estatal e da ampliación lineal do 2% aprobada pola Unión Europea para cada Estado membro. Neste sentido, asegurou que os datos da campaña que acaba de finalizar o pasado 30 de marzo, avalan esta premura, dado que mentres que no conxunto do Estado se deixaron de producir 120.000 toneladas, as explotacións galegas foron un ano máis as únicas que aumentaron a súa produción e seguen precisando cota para mellorar a súa viabilidade. O conselleiro incidiu en que o reparto desta cantidade debe atender a criterios sociais (beneficiando as explotacións con vocación de permanencia na actividade). Tamén lle trasladou a inquedanza do sector produtor respecto ás retencións que se lles practica aos gandeiros cada ano, incluso cando a evolución das entregas xa fai predicir que non vai haber sobrepasamento da cota. Neste sentido, pediulle que se articule un mecanismo flexible para evitar esas retencións e a conseguinte perda de renda mensual por parte das explotacións. Aínda no tema lácteo, insistiu na defensa de mecanismos de continxentación da produción, máis alá do ano 2014, e que no caso de que se materialice a liberalización da produción, as explotacións que fixeran importantes esforzos económicos na compra de cota reciban unha compensación pola desaparición da mesma.

No sector vitivinícola, e en canto o desenvolvemento futuro da OCM, Suárez Canal solicitoulle á ministra que se defenda a xestión dos dereitos de plantación, no ámbito das denominacións de orixe, como mínimo ata o ano 2018 por parte da autoridade competente, e mesmo se estendan estes dereitos máis alá desta data.
Así mesmo, expresou a necesidade de que as variedades vinculadas a D.O.´s galegas (albariño, treixadura, godello, mencía, loureira, ferrón, caíño, torrontés, dona branca, brancellao, merenzao, sousón e espadeiro) só poidan aparecer referenciadas na etiquetaxe daquelas denominacións que as tiveran recoñecidas nos seus regulamentos antes de aprobarse a OCM.

Por último, ambos cargos comprometéronse a traballar para asinar o vindeiro mes o convenio para a execución de obras de concentración parcelaria durante este ano, por un valor de 20 millóns de euros, e para axilizar as obras de modernización do regadío, tan demandadas en zonas como A Limia.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital