O deputado provincial, Carlos Montes, explica que "logo de facer un seguimento das probas de seleccións de persoal obsérvase que todas e cada unha destas probas, ao realizarse o primeiro exame, coincide que o número de aprobados é o mesmo que o número de prazas convocadas. Chama a atención que sempre hai unha persoa que saca unha nota moi elevada e o resto de aspirantes sacan un cero". É un dos argumentos, si acaso o principal, que manexa o deputado socialista para presentar o seu Grupo unha moción ó pleno de maio do vindeiro día 30 pedindo que se paralice o proceso agora en marcha.
Dende o Partido Socialista insisten en que "é curioso que gran parte das persoas puntuadas cun cero son traballadores en activo da Deputación, aos que Baltar mantén con contratos encadeados", sinala Montes Marqués.
Montes denuncia que "é sospeitoso que se estean a empregar traballadores afíns a Baltar para que se presenten ás probas de selección que convoca a Deputación, e xustificar así que a praza se dea a determinadas persoas". Sinala o socialista que, de non ser así, "é difícil entender que persoas que, supostamente, son contratadas pola súa valía técnica obteñan puntuacións de cero".
Os socialsitas aseguran que son moitas as probas que levan a desconfiar dos procesos de selección de persoal que leva a cabo a Deputación provincial, e a dubidar da súa legalidade e transparencia polo que agora solicitan que "ó igual que pasara antes das eleccións municipais do ano pasado, se paralice o proceso selectivo e se garanta a presenza durante o proceso de todos os partidos políticos e dos sindicatos con implantación na provincia”.
|
 |