Home  
 
 
 
JOSE CERDEIRA 
 

Francisco Rodríguez

  Anxo Quintana
 
  O vicepresidente da Xunta e o alcalde de Ourense asinaron hoxe o protocolo de colaboración para mellorar a prestación de servizos sociais no municipio  Ao abeiro deste acordo crearanse cinco galescola, dous centros de día, unha residencia para maiores e unha residencia para enfermos de Alzheimer, entre outros servizos, segundo informa Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
Quintana apostou polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar como ente de colaboración estable entre concellos e Xunta e avogou polo traballo común en materia social para “dobrar esforzos financeiros, esforzos de xestión e esforzos políticos”, mentras o alcalde de Ourense subliñou que a firma chegouse "con un borrador inicial moi mellorado", o que recoñeceu Anxo Quintana.
 
 
Ourense incorpórase dende este luns ao Consorcio Galego do Benestar
29 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, asinaron na mañá deste luns, tal e como se anunciara, un protocolo de colaboración polo que este municipio expresa a súa vontade de integrarse no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O vicepresidente Quintana explicou que, con esta sinatura, o Concello de Ourense e a Vicepresidencia dan unha demostración de que a colaboración institucional entre Administracións é a clave para mellorar os servizos sociais, xa que a través deste traballo común se “dobran os esforzos financeiros, os esforzos de xestión e os esforzos políticos”, establecendo un marco de cooperación institucional estable “para dar resposta ao que demandan os veciños”.

Para o vicepresidente Quintana o acto de hoxe pon de manifesto que “é máis fácil acordar que desacordar” e que, ademais, as institucións “estamos obrigadas a que haxa colaboración institucional e a traballar conxuntamente nunha materia especialmente sensible como son as políticas de igualdade e benestar”. Por isto, reiterou que o da cooperación “é o camiño a seguir” e que co paso dado en Ourense confírmase, unha vez máis, que a colaboración entre a Vicepresidencia e os concellos é unha colaboración “real e efectiva” coa que se acadan importantes acordos que redundarán en beneficio dos cidadáns.
Segundo apuntou Anxo Quintana, moitos dos equipamentos que se materializarán ao abeiro do convenio asinado este luns poderían desenvolverse no marco das competencias propias de cada Administración, sen recorrer á colaboración con outra institución. Pero “faríamos mal, porque o que nos reclaman os cidadáns é que as dúas Administracións nos sentemos e fixemos un marco de colaboración estable”, asegurou Quintana, quen avogou pola vía do traballo conxunto como a mellor opción para asegurar servizos sociais estables e de calidade, unha opción escollida polo Concello de Ourense e que materializa hoxe coa sinatura do protocolo.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, salientou a importancia da colaboración institucional emprendida para levar adiante este protocolo, un compromiso a través do cal, “nun horizonte de tres anos, permitirá mellorar as dotacións de servizos sociais de Ourense”. Para o rexedor local a adhesión do Concello de Ourense ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar permitiralles mellorar a atención en materia social neste municipio.

Protocolo de colaboración

Coa sinatura do protocolo, o Concello de Ourense súmase ás outras grandes cidades que xa asinaron este acordo coa Vicepresidencia da Xunta. Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Vigo xa formalizaron a súa adhesión ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que na actualidade está conformado por 245 concellos de toda Galiza. O Consorcio, constituído en xullo de 2006 entre a Vicepresidencia e diversos concellos galegos, supón unha fórmula innovadora de xestión das políticas de provisión de servizos sociais.
A través da colaboración establecida, a Vicepresidencia da Xunta dotará ao Concello de Ourense de cinco novas galescolas, unha residencia para maiores de carácter referencial, dous centros de día, un centro de día especializado en atención a persoas con Alzheimer e outras demencias, dous centros cívicos de barrio e un centro social. Ademais, desenvolveranse programas de mellora do Centro de Información á Muller, do Fogar do Transeúnte e da Casa de Acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero.
Estes son os principais servizos cos que contará o Concello de Ourense ao abeiro do protocolo de colaboración asinado hoxe, no que as dúas Administracións expresan a súa vontade de colaborar co obxectivo de mellorar e reforzar os servizos sociais municipais.

Segundo avanzou Quintana, todos estes equipamentos desenvolveranse nos vindeiros tres anos e, de feito, parte deles están xa en marcha, ao abeiro das xestións realizadas entre a Vicepresidencia e o Concello de Ourense para a cesión dos terreos. Tamén no marco do protocolo asinado hoxe, a Vicepresidencia manifesta a súa vontade de incrementar o número de prazas residenciais públicas, coa finalidade de acadar progresivamente os índices de cobertura recomendadas no Plan Xerontolóxico Nacional, paliando así o déficit de prazas existente.

Para a consecución destes servizos, o protocolo de colaboración establece que o Concello de Ourense facilitará a dispoñibilidade dos terreos e dos equipamentos precisos para a ubicación dos centros de nova creación, arbitrando a Vicepresidencia e o concello os mecanismos de colaboración axeitados para a súa construción e posterior mantemento e xestión a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar, ou doutros entes ou institucións oportunos.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital