Home  
 
 
 
 
  Ourense está á cola das provincias galegas en centros de ensino público que accederán ás axudas convocadas pola Secretaria Xeral de Política Lingüística para o fomento do uso do galego no ámbito educativo. Só 103 centros de 762 en toda Galicia son da provincia de Ourense. En total, administrase unha partida de 800.000 euros cun máximo de 2.500 euros por centro.
 
 
Ourense está á cola de Galicia en número de centros educativos que accederán a axudas para o fomento do uso do galego  
24 de MARZO de 2008: OURENSE DIXITAL

Un total de 762 centros de ensino públicos non universitarios de Galicia accederán ás axudas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para o fomento do uso do galego no ámbito educativo. A contía total que van percibir estes centros ascende a 800.000 euros, cun máximo de 2.500 euros por centro.
Por provincias, o maior número de centros que resultaron beneficiarios destas subvencións está nas provincias da Coruña, con 287 centros, e de Pontevedra, con 265 centros. En Lugo concédenselle axudas a 107 centros de ensino e en Ourense a 103 centros.

Segundo Política Lingüistica da Xunta de Galicia, "a comisión de avaliación dos proxectos presentados atendeu á súa calidade, á implicación activa dos membros da comunidade educativa, á orixinalidade das propostas para incidir nos usos reais do galego oral e escrito, á utilización das novas tecnoloxías ou á colaboración con outras entidades ou asociacións externas para potenciar o uso da lingua galega fóra dos centros".
Todos os proxectos que obtiveron subvencións están incluídos nas programacións anuais de actividades aprobadas en cada centro de ensino.
En próximas datas, farase pública tamén a resolución das axudas que se convocaron para os proxectos dos equipos de normalización dos centros de ensino privados, dotada cunha partida económica de 81.000 euros.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital